Alcoa asegurou este martes que a planta de aluminio primario de San Cibrao, a única de España, perde “entre seis e sete millóns de euros ao mes”, motivo que esgrime para parar un grupo de 32 cubas das 512 -16 agrupacións- coas que conta a serie de electrolise.
A multinacional anunciou aos obreiros na mañá deste martes este recorte da produción, dun 6,25%, que se suma á rebaixa do 5% na intensidade das series de electrolise -de 169.000 a 160.000 amperios– iniciada a principios do pasado mes de xullo. Así, a caída da carga produtiva na planta de aluminio será dun 11,25%.
A compañía estadounidense non precisa por canto tempo parará as cubas, aínda que se prevé que a baixada de intensidade nas series de electrolise dure alomenos ata final de ano.
A PARTIR DA SEGUNDA QUINCENA DO MES
Segundo fontes de Alcoa, a parada das cubas iniciarase na segunda quincena de agosto, e farase de xeito “ordenado” para que se poidan “rearrincar” de “darse as condicións do mercado para facelo“.
OS TEMPOREIROS, EN ENTREDITO
Malia que, a través dun comunicado de prensa do comité de empresa, os traballadores aseguraron que se lles dixo que o recorte na produción “non ía conlevar ningunha medida adicional“, a alumineira pon en cuestión aos temporeiros. “Unha vez se culmine o proceso de parada das cubas, vaise revisar a necesidade do emprego eventual“, expón Alcoa.
As mesmas fontes sinalan que o obxectivo do recorte é “reducir as perdas que está a deixar a fábrica de aluminio, de entre seis e sete millóns de euros ao mes de promedio”. Alcoa sitúa esta medida nun contexto de “prezos baixos” de venta e “custos de produción altos”.
SITUACIÓN “URXENTE” POLO “CUSTO DA LUZ”
A multinacional reitera que o problema da planta é o alto prezo da enerxía eléctrica. “O custo supón para esta factoría o 41% do gasto total de produción por tonelada de aluminio, un 50% do que pagan os nosos competidores”, sinala.
Preguntadas pola razón para aprobar dous recortes de produción no prazo dun mes, as fontes da multinacional cualifican a situación da planta de aluminio de “urxente“.
A EMPRESA URXE AO GOBERNO A “ACTUAR”
Así, insisten en que o aluminio primario en España “non é viable” sen “un marco enerxético competitivo e estable”, e agardan que o Goberno central “actúe canto antes” para acadar un estatuto do consumidor electrointensivo prometido polo Executivo desde o ano pasado.
Nun contexto no que as plantas de Avilés e A Coruña pertencen xa ao fondo suízo Parter e o PSOE tenta sacar adiante a investidura de Pedro Sánchez, hai quen interpreta a manobra de Alcoa como un órdago ao Executivo.
Con respecto ás relacións co Goberno, Alcoa sinala que “hai contactos con frecuencia” pero por agora “ningunha novidade” respecto do abaratamento do prezo da luz que a empresa demanda para non deslocalizarse.