O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, chamou este mércores “á mobilización” para esixirlle ao Goberno central que abarate a luz despois de que o pasado martes Alcoa anunciase que parará 32 das 512 cubas das series de electrolise e que “revisará” a situación dos temporeiros da fábrica de aluminio de San Cibrao.
Villares cualificou de “preocupante” a situación que está a atravesar a empresa do aluminio, “motivada pola inexistencia dun prezo competitivo da electricidade”, o que “está a poñer en serio risco moitos postos de traballo, directos e indirectos, na nosa zona”.
O rexedor criticou a postura do Goberno, esixido que aprobe o estatuto do consumidor electrointensivo que reclama a multinacional para rebaixar o prezo da enerxía eléctrica, que supón, segundo Alcoa, o 41% dos gastos de produción da planta de aluminio primario sancibrense, a única de España.
O alcalde cervense mostrouse crítico tamén “con algúns sectores” que ao seu xuízo “demostran unha actitude moito máis pasiva que hai sete anos, cando protestamos toda A Mariña Lucense ao unísono esixíndolle ao Executivo as medidas necesarias que garantisen a viabilidade da empresa”.
As “manifestacións masivas” foron “cruciais” para conseguir “reverter eses momentos delicados que vivimos no pasado”.
“SITUACIÓN GRAVE”
Villares cre que “estamos nunha situación moito máis grave” que “queda evidenciada coa baixada da produción da que están a informar estes días desde a multinacional”.
O rexedor alerta de que “A Mariña corre un serio perigo se o Goberno non dá ese prezo” e instou á sociedade mariñá a “berrar todos ao unísono polo ben da nosa comarca, porque se seguimos nesta senda podemos chegar a unha situación sen retorno; está sobre nós a ameaza de que a nosa bisbarra quede sen esta empresa que é vital”, conclúe.