O comité de empresa de Alcoa San Cibrao solicitou este venres unha xuntanza co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
Os sindicatos queren “transmitirlle de primeira man as preocupacións, pedirlle a intervención activa do goberno galego e que os informe das xestións realizadas”. Piden, ademais, que o encontro se celebre na factoría cervense, “por ser o foco do problema”.
Os representantes dos traballadores informaron da petición a través dun comunicado no que reiteran a súa preocupación polo futuro da planta, despois de que este mércores a dirección da multinacional rexeitase suspender a parada de cubas que iniciou este luns.
“A actual situación política no Estado, cun goberno en funcións, semella non ter capacidade
para dar solución ao problema raíz, o que nos acerca máis ao abismo pois afasta a data dunha solución que se manifesta urxente“, explican no comunicado.
PREZO DA ENERXÍA
“Dentro deste escenario consideramos necesario que a Xunta de Galicia interveña
activamente para asegurar a viabilidade e futuro desta industria, realizando todas as
xestións posibles para a consecución, canto antes, dun sistema tarifario estable no tempo e cun prezo competitivo que nos sitúe en pé de igualdade cos demais países da Unión Europea. Situación que nos permitirá seguir traballando e xerando riqueza no pais”, argumentan.
VISITA DA MINISTRA
Despois de que, a petición dos sindicatos, a ministra de Industria confirmase a súa visita á planta de Cervo, o pasado mércores, o director de Enerxía e Minas do goberno galego, Bernardo Tahoces, sinalara que a Xunta “espera acompañar” a Reyes Maroto.