InicioEconomíaPontón pide a Xunta e Goberno unha tarifa eléctrica galega e un...

Pontón pide a Xunta e Goberno unha tarifa eléctrica galega e un estatuto que afiancen o emprego en Alcoa

A líder do BNG responsabiliza en San Cibrao a PP e PSOE do momento de "crise" que vive a fábrica de aluminio, logo de que a empresa anunciase a parada de 32 cubas de electrolise

Publicada o

- Advertisement -

EFE. A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, culpou ao Partido Popular (PP) e ao Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) da situación de “crise” pola que están pasando nestes momentos os traballadores da multinacional Alcoa.

Durante unha visita á planta de San Cibrao, no municipio lucense de Cervo, Pontón sinalou que desde a formación nacionalista están “preocupados pola situación e o futuro da factoría, con moitas nubes negras no horizonte trala redución anunciada dun 11% da produción“.

A portavoz nacionalista achacou esta “crise da industria electrointensiva” a “responsabilidades que teñen que ver co ámbito político”, referíndose en concreto aos dous partidos hexemónicos no ámbito estatal.

GALICIA PADECE “UN EXPOLIO” DE ENERXÍA

No caso do Partido Popular, segundo Pontón, foron os “responsables de crear este marco enerxético inestable que non permite competir coas empresas da contorna europea e a nivel internacional”.

Así mesmo, a voceira do BNG culpou aos populares de “non exercer as súas competencias en materia de industria desde a Xunta de Galicia“.

“A Xunta non pode poñerse de perfil e tirar balóns fose cando hai unha empresa fundamental da que depende unha parte moi importante do Produto Interior Bruto (PIB) da provincia de Lugo que reduce un 11% a produción”, precisou.

Pontón tamén advertiu de que “en Galicia non podemos permitirnos o luxo de perder nin un só posto de traballo polo prezo da enerxía, entre outros motivos porque somos exportadores de enerxía“.

“É un auténtico expolio que esa enerxía que nós producimos sirva para que as eléctricas se fagan de ouro”, apuntou.

DI QUE OS SOCIALISTAS “ENGANARON” CO ESTATUTO

Con respecto ao PSOE, Pontón afeoulle “o feito de que prometeu un estatuto e unha solución antes das eleccións de abril, e agora en agosto confirma que non vai haber solución”.

Por este motivo, a portavoz nacionalista afirmou sentirse “enganada por un PSOE ao que non lle preocupa o futuro da industria no noso país”.

Pontón lamentou así mesmo que “non hai unha solución real para que esa enerxía repercuta en emprego, en industrialización e en capacidade de futuro”, polo que manifestou o seu “apoio aos traballadores de Alcoa e o compromiso para traballar”.

MOCIÓNS NO PARLAMENTO GALEGO

De feito, a líder nacionalista expresou o seu compromiso para levar estes asuntos ao próximo pleno do Parlamento de Galicia, incidindo “na necesidade dunha tarifa eléctrica galega” e en “un estatuto das electrointensivas, que garanta a un tempo o emprego e a modernización das empresas”.

INSTA A CONSTITUÍR UNHA MESA DE NEGOCIACIÓN

Así, solicitou a constitución dunha mesa de negociación entre comité de empresa, Xunta e Alcoa para “analizar a situación e buscar unha solución de futuro”, unha proposta que tamén realizou Galicia en Común.

“Hai 2.000 empregos que dependen directamente da factoría e necesitamos un Executivo que estea á altura”, engadiu Pontón.

O BNG, segundo indicou a súa voceira, “seguirá coa súa estratexia de debate público e presión social” fronte á “política de espectáculo e propaganda na que estamos”, xa que “a xente vota para que haxa gobernos que dean solucións”.

“A inestabilidade e a crise política do Estado estanos creando problemas aos galegos, polo que necesitamos solucións; non partidos de ámbito estatal que pase olimpicamente”, concluíu Pontón.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...