O secretario xeral do Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG-PSOE), Gonzalo Caballero, insistiu este luns desde o complexo industrial de Alcoa en San Cibrao, onde se reuniu co comité de empresa da fábrica, no “compromiso” dun Executivo central que “solucionou as crises da Coruña e Avilés” e pediu ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que “cese” ao territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, se non “rectifica” na súa actitude “irresponsable” e “indigna do seu cargo”.
Caballero, que estivo acompañado dos alcaldes socialistas da Mariña Lucense, da deputada no Congreso Ana Prieto e do senador César Mogo, ademais da secretaría xeral provincial, Patricia Otero, e outros cargos do partido, defendeu o papel do Executivo central e resaltou que “no último ano” Alcoa puxo sobre a mesa “o peche definitivo das plantas de Avilés e A Coruña“, un escenario fronte ao que “o Goberno traballou consistente e permanentemente desde outubro” para “permitir” que as factorías coruñesa e avilesina “teñan garantido o emprego polos vindeiros dous anos“.
O secretario xeral dos socialistas galegos cualificou a redución dun 11% na produción na planta de aluminio, que Alcoa puxo en cuestión sen un abaratamento da enerxía eléctrica, como “unha chamada de atención” para ter “todas as luces encendidas” sobre a situación da factoría, “prioritaria tanto para A Mariña Lucense como para todos os galegos e tamén para o Executivo de Pedro Sánchez“.
O dirixente socialista lembrou “dous compromisos” adquiridos polo Executivo do PSOE para favorecer a competitividade de Alcoa, o estatuto do consumidor electrointensivo e o aumento das compensacións por emisións indirectas de dióxido de carbono de 91 a 180 millóns de euros, “mecanismos fundamentais para o futuro da factoría e non asumidos polo Goberno anterior de Mariano Rajoy“.
O NOVO MARCO ENERXÉTICO, PENDENTE DA INVESTIDURA
Caballero asegurou que o estatuto “é prioritario” para o o Goberno, pero non concretou avances nin cando se executarán estas medidas, que, segundo recoñeceu ao comité de empresa na reunión, non se levarán a cabo durante o período en funcións do actual Executivo. Así, argumentou que “houbo unha convocatoria de eleccións que imposibilitou aprobalo” e que “o mellor que lle pode suceder a este país é que haxa un Goberno socialista en setembro con plenitude de funcións”.
ACUSA A BALSEIRO DE “IRRESPONSABILIDADE”
O secretario xeral dos socialistas galegos sostivo que as “as declaracións” do delegado territorial da Xunta en Lugo nos últimos meses sobre Alcoa amosan “unha irresponsabilidade que non se pode permitir” e tamén que o Executivo autonómico “non está a buscar solucións senón a confrontación electoral”.
Así, Caballero instou a Balseiro a unha “rectificación” por un “alarmismo” que considera “indigno” dun representante público, e reclamou a Feijóo “o seu cesamento inmediato” de non rectificar.
FEIJÓO FAI “PUBLICIDADE INSTITUCIONAL” CON ALCOA
O propio presidente da Xunta foi tamén obxecto das críticas de Caballero, quen o acusou de carecer “de estratexia industrial” e de “utilizar o sector” para “a súa publicidade institucional“. O dirixente socialista afirmou que “os datos da evolución da industria en Galicia amosan seu suspenso e o do seu conselleiro”.