EFE. A crise industrial en Galicia, marcada polo anuncio de peche da central térmica nas Pontes e pola redución nun 11% da produción da planta de aluminio de Alcoa, centrará o pleno autonómico da próxima semana, que incluirá unha comparecencia do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, ante a negativa do Goberno autonómico de aceptar que fose o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, quen comparecese.
No entanto, o máximo mandatario autonómico deberá responder sobre a situación industrial en Galicia xa que tanto o Grupo Común da Esquerda como o BNG empregarán a sesión de control ao presidente para cuestionalo a este respecto.
O PP CULPA AO GOBERNO CENTRAL
Os grupos da oposición, a excepción do PSdeG-PSOE, solicitaran a comparecencia de Núñez Feijóo pero a Xunta entendeu que era máis acertado que quen se manifestase a este respecto fose o responsable de Industria que é o “que está facendo as xestións diarias” para intentar resolver o “problema creado polo Goberno de España“, segundo explicou o portavoz do Partido Popular de Galicia (PPdeG), Pedro Puy.
O PSOE REXEITA “FACER CAMPAÑA”
O portavoz socialista no Hórreo, Xoaquín Fernández Leiceaga, explicou que o seu grupo non asinou esta petición porque entenden que o Goberno autonómico está utilizando esta problemática para “facer campaña” de cara ás eleccións xerais, a través dunha “confrontación política estéril” que non busca atopar unha “saída real” ao problema.
ATRIBÚENLLE A “FEIJÓO” A PERDA DE 22.000 EMPREGOS
Manuel Lago, voceiro do Grupo Común da Esquerda, explicou que a súa formación centrará as súas iniciativas en denunciar a “desertización industrial” que vive Galicia, da que responsabilizan ao actual Goberno galego: “ninguén na historia do noso país lle fixo tanto dano á industria como Feijóo“.
Segundo asegurou Lago, desde que goberna Núñez Feijóo, en Galicia perdéronse 22.000 empregos industriais mentres que o presidente actúa como “un covarde” e négase a dar explicacións en pleno ante esta situación.
VULCANO, BARREIRAS, FERROATLÁNTICA, SÍNTOMAS
De igual forma, a viceportavoz do Bloque no Parlamento, Olalla Rodil, sinalou que o seu grupo tamén dedicará a pregunta ao presidente para abordar esta problemática en tanto que a “desertización industrial” afecta a numerosas comarcas de Galicia “desde Alcoa en San Cibrao, os asteleiros Vulcano e Barreiras en Vigo ou a situación de Ferroatlántica“, lamentou.
Por iso, Rodil censura que o presidente opte por “esconderse detrás do conselleiro” vetando a comparecencia solicitada polos grupos para que Conde se centre “só nas Pontes para fuxir de responsabilidades”.
O líder de En Marea e portavoz do Grupo Mixto, Luís Villares, non terá neste pleno posibilidade de preguntar ao presidente pero rexistrou unha “pregunta urxente” ao Goberno co obxectivo de tamén abordar esta cuestión despois de que a Xunta non fixese nada para “estar preparada” ante o inminente peche da planta e reabsorber o emprego da mesma a través doutras iniciativas.
Mentres tanto, os socialistas empregarán a súa quenda para realizar unha pregunta “aberta” e esixir a Feijóo un balance do seu Goberno.
XUNTANZA COS GOBERNOS DA MARIÑA
O comité de empresa de Alcoa San Cibrao continuará este mércores cos seus actos reivindicativos cunha xuntanza cos alcaldes e representantes dos gobernos locais da Mariña Lucense. O encontro será ás 12.00 horas, nos locais dos sindicatos no complexo industrial sancibrense.
Trala parada de 32 cubas, os representantes dos traballadores pregúntanse “cando dará Alcoa o seguinte paso” e citan textualmente as palabras do presidente da multinacional en España, Álvaro Dorado, quen segundo o comité asegurou que “non está previsto aplicar medidas adicionais antes da constitución do próximo Goberno central”, unha frase “que pouco ou nada nos tranquiliza”.
Así, os sindicatos pedirán o “apoio instucional” dos gobernos locais da Mariña, así como “a súa colaboración” nas mobilizacións que convoque o comité de empresa en defensa da continuidade da fábrica sancibrense, “o motor económico e social da bisbarra”.
O FORO ECONÓMICO PON A DEBATE UN FUTURO SEN ALCOA
Este xoves, o Foro Económico da Mariña reunirá a alcaldes das tres principais forzas políticas da bisbarra –Alfonso Villares, Cervo (PP); Alfredo Llano, Burela (PsdeG-PSOE) e Ana Ermida, Barreiros (BNG)- para abordar nun debate un futuro para a comarca sen o seu principal sustento económico.
MOCIÓNS DE PP E BNG NO PLENO VIVEIRENSE
O PP de Viveiro e maila agrupación local do BNG presentarán na vindeira sesión plenaria mocións sobre Alcoa. Os populares queren que o Pleno inste ao Goberno central a aprobar “inmediatamente” o estatuto do consumidor electrointensivo, demandado pola multinacional e outras empresas ao Estado, mentres que os nacionalistas farán fincapé ademais na consecución dunha tarifa eléctrica galega para acadar un prezo da luz máis asequible tanto para a gran industria como para os fogares.