InicioEconomíaO comité de Alcoa quere sumar o comercio local a protestas cada...

O comité de Alcoa quere sumar o comercio local a protestas cada 15 días nos concellos da Mariña

Comezando por Xove o día 9, os sindicatos convocarán concentracións os mércores alternos, unha por municipio, e piden aos alcaldes que involucren aos negocios para cerrar media hora

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa acordou cos alcaldes da Mariña Lucense a convocatoria de concentracións os mércores alternos ante os concellos da bisbarra, comezando polos municipios máis afectados pola actividade do complexo industrial de San Cibrao, Xove e Cervo. Os representantes dos traballadores pediron aos rexedores que impliquen ao comercio local para que peche durante media hora (de 20.30 a 21.00 horas) en coincidencia coas protestas.

A primeira das concentracións, baixo o lema ‘Peches non, enerxía solución: por un futuro para A Mariña Lucense‘, será na praza do Concello de Xove o vindeiro mércores 9 de outubro, unha cita á que o comité de empresa da planta sancibrense convida a acudir “a todos os veciños da bisbarra”.

POLO “MOTOR ECONÓMICO DOS ÚLTIMOS 40 ANOS”

Deste xeito, os sindicatos aspiran a “facer comprender” nos concellos da Mariña “o que pode significar que a fábrica se vexa abocada á situación na que están A Coruña e Avilés (vendidas ao fondo suízo Parter e coas electrolises paradas). Falamos de case 2.000 postos de traballo, do motor económico da comarca nos últimos 40 anos, de xeito que se temos un final parecido, a vida social e económica da bisbarra, que é unha cidade lineal, sería un desastre”, expón o presidente do comité, Xosé Paleo.

O sindicalista explica que o comité pediu aos alcaldes “que se encarguen tamén de facer eco da reclamación dun abaratamento da enerxía eléctrica que nos permita competir en igualdade de condicións con países como Alemaña ou Francia, que impliquen ao comercio local e que a fagan visible nos municipios que compoñen A Mariña, que é unha cidade lineal“.

32 CUBAS PARADAS

A intención é que, co peche momentáneo, os comercios mostren tamén o impacto que pode ter na economía da bisbarra unha posible deslocalización do complexo industrial de San Cibrao, onde Alcoa reduciu no pasado mes de agosto a produción de aluminio nun 11%.

A de Cervo é a única planta de aluminio primario de España e depende en gran medida do prezo da enerxía eléctrica, que segundo a multinacional supón o 40% dos gastos de produción.

CONCENTRACIÓN O VINDEIRO VENRES NA FÁBRICA

Trala modificación do calendario de protestas aprobado polo persoal da fábrica, os traballadores trasladarán á porta da fábrica as concentracións dos venres, nas que cortaban o tráfico da N-642 á altura do cruzamento do Castelo. De 14.00 a 14.30 horas, estes actos reivindicativos celebraranse cada 15 días, en alternancia coas convocatorias dos concellos. O seguinte será esta semana, o 4 de outubro.

“QUEN PODE SACARNOS DISTO É O GOBERNO CENTRAL”

“Se isto non cambia, o camiño no que nos acaban de meter hai un par de meses conduce á situación na que están Coruña e Avilés. Quen ten a responsabilidade de sacarnos é o Goberno central, pois estamos nesta situación polo elevado custo da enerxía”, asegurou Paleo.

O COMITÉ NON VE “PARALELISMOS” CON ENDESA

Respecto do anuncio de peche de Endesa, Paleo afirmou que “paralelismos sempre se dan” e que “a nosa fábrica está intrinsecamente relacionada con ela, porque unha produce enerxía e nós estamos así polo alto prezo dela”, pero considerou que as situacións das grandes industrias de Cervo e As Pontes “teñen distintos motivos e ningún outro tipo de relación, máis que a crise industrial que ten agora mesmo o norte de Galicia“.

Paleo tamén precisou que polo de agora o comité non ten novas sobre a prometida visita da Ministra de Industria, Reyes Maroto, ao complexo industrial sancibrense.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...