O persoal de Alcoa aprobou “por unanimidade” o calendario de mobilizacións proposto polo comité de empresa para esixir “unha solución” á situación da fábrica de aluminio, na que a multinacional reduciu a produción nun 11%.
As protestas incluirán concentracións de 14.00 a 14.30 horas, cada venres de setembro, no cruzamento do Castelo. Eses días tamén se informará sobre a situación desde a entrada da xornada laboral.
MOCIÓN NA DEPUTACIÓN
Presentarase unha moción na Deputación na que se reclamará das institucións “a urxencia dunha solución para a industria do aluminio”. Os obreiros asistirán en San Marcos ao pleno na que se debata esta iniciativa.
SOLICITUDE DE REUNIÓN COA MINISTRA
Os traballadores realizarán unha marcha en Lugo ata a delegación do Goberno central, para facer entrega dunha solicitude de reunión coa Ministra de Transición Ecolóxica, Reyes Maroto, unha xuntanza comprometida polo seu gabinete para a primeira quincena deste mes de setembro.
IMPLICACIÓN DAS CORPORACIÓNS
Convocarase ás corporacións da Mariña Lucense e alcaldes para pedir o seu apoio e colaboración nas mobilizacións, “e facerlles entrega de mocións solicitando a solución por parte do Executivo central”.
PROTESTA EN MADRID “NUN DÍA SINALADO”
Así mesmo, o calendario de protestas aprobado inclúe unha concentración en Madrid “nun día sinalado”, sexa o do pleno de investidura ou o do primeiro Consello de Ministros do Goberno.
Tamén se convocará, expón o comité nun comunicado, unha manifestación central na Mariña Lucense.
Os sindicatos resaltan que non se trata “dun calendario pechado”, senón “flexible que se irá modificando e ampliando en función da evolución das circunstancias”.
TEMOR A DESPEDIMENTOS SE NON HAI INVESTIDURA
Segundo expuxo o comité nun comunicado, Alcoa San Cibrao vive “o momento máis perigoso para a continuidade da fábrica nos seus 40 anos de historia”.
A ausencia dun Goberno central, “o único ao que a lei lle dá competencias para solucionar o problema do excesivo custo da enerxía, é o máis urxente dos atrancos que temos”.
Os traballadores mostran o seu temor a que haxa despedimentos ao sinalar que a “case certeza” dunha repetición electoral, advirten os traballadores, “achéganos á posibilidade de que Alcoa dea o seguinte paso na súa estratexia de conseguir un prezo competitivo da electricidade ou pechar todas as súas fábricas no Estado”.
O ESTATUTO, “INSUFICIENTE” PARA ALCOA
Segundo expoñen os traballadores, a dirección de Alcoa tamén esixe “compensacións do máximo permitido por emisións indirectas por CO2, cambios no sistema de interrompibilidade, ou o favorecemento dos contratos bilaterais pois din que a proposta de estatuto da industria electrointensiva que coñecen non chega”.
A FACTORÍA, “ENTRE AS MÁIS EFICACES DO MUNDO”
“A industria do aluminio é unha industria con moito futuro é esta é unha fabrica que se
considera entre as máis eficaces do mundo. O noso produto é o de maior calidade, tanto en alúmina como en aluminio“, resaltan os traballadores, que se manifestarán para que “a desidia e inacción das administracións nos conduzan á parada da fábrica”.