InicioEconomía"Se pecha Alcoa, para a comarca sería volver aos anos 80, pero...

“Se pecha Alcoa, para a comarca sería volver aos anos 80, pero no século XXI”

Os alcaldes de Cervo, Burela e Barreiros, do PP, PSdeG-PSOE e BNG, debateron no segundo Foro Económico da Mariña sobre a situación do complexo industrial de San Cibrao

Publicada o

- Advertisement -

O Foro Económico da Mariña reuniu este xoves a Alfonso Villares, alcalde de Cervo (PP), Alfredo Llano, rexedor de Burela (PSdeG-PSOE) e á primeira edil de Barreiros, Ana Ermida (BNG), na casa da cultura de San Cibrao para afondar nas causas da situación de Alcoa e para analizar alternativas a un posible peche do complexo industrial cervense, no que a multinacional reduciu a produción de aluminio nun 11%. O debate sobre un futuro sen a multinacional, coa pregunta ‘Ameaza ou oportunidade?’, estivo moderado pola xornalista Carmen Cruzado.

PREOCUPACIÓN POLA SITUACIÓN DE ALCOA?

Villares. Digo que si. É curioso como hai 40 anos a xente se opuxo a esta fábrica, que en principio ía ir para Pontevedra, e se alí non se instaurou foi pola presión social, maior da que houbo aquí. Pero pasaron 40 anos e a factoría trouxo cada vez máis cotas de benestar e de progreso, e o aluminio trouxo consigo todo isto.

Para unha provincia coma a nosa, que non é das puxantes do Estado, falamos do 32% do PIB, cantidades moi altas. Demasiado altas, sen dúbida, pero cando se instaurou este complexo industrial, cunha raíz moi grande, e un tronco moi grande, non deixou medrar plantas ao seu redor.

Sabemos que o custe da enerxía desta planta de aluminio é o 40% dos gastos de produción, polo que necesita unha axuda estatal para poder ser rentable, senón falamos dunhas perdas que son altas, que poden facer tomar unha decisión que non queiramos.

O que temos que ter claro é que por moi nova que sexa a empresa, por moitos investimentos que haxa, sen esa axuda non é viable o aluminio primario en España. Hai máis dun ano que o Goberno de Madrid non está a dala, e por iso estou moi preocupado.

Llano. Eu son optimista e hai que ser optimista. É certo que estamos a pasar unha fase crítica, pero houbo tamén outras moi perigosas. Estivo o conflito do Casón, a finais dos 80, na que case pecha, e mesmo no 2008-2009, despois de estalar a crise económica, algún encargado da fábrica decíanme en verán que non chegarían ao Nadal, dado que caeu o sector da construción e había un enorme stock non se vendía. Sempre houbo unha solución ao problema e os profesionais souberon remontar esas situacións.

IDENTIFICACIÓN

A factoría axudou a transformar completamente a realidade social e económica da Mariña. En Burela hoxe temos 42 nacionalidades, e a primeira inmigración que houbo foi a caboverdiana, dos traballadores que viñeron a construír a fábrica.

A identificación do complexo industrial coa bisbarra é total, todos temos amigos, familiares, traballando aquí. Imos deixar perder esta planta? Creo que non, hai que procurar non mandar mensaxes negativos, temos que traballar todos a unha para defender o emprego.

Ermida. A situación sempre é causa de preocupación, pero máis pola dependencia que temos dela. A situación non é de agora, levamos anos perdendo postos de traballo sen unha reacción por parte das administracións, o que xerou unha sangría demográfica.

Cando Alúmina-Aluminio, Inespal, se implantou na comarca non foi para desenvolvela, senón que era unha empresa de enclave, veu aquí, instalouse, non se meteu no tecido industrial da comarca nin no tecido social. Vemos que as mesmas estradas polas que saía o aluminio hai 40 anos son as mesmas polas que sae agora. Houbo un desenvolvemento ligado a esta empresa pero o impulso da comarca debeu ser maior, co peso e o tamaño desta industria. Non debemos ser optimistas nin pesimistas, senón realistas, a solución dependerá do traballo que se faga.

Unha cousa que chama a atención é a variabilidade dos discursos en función quen estea no Goberno. Non foron os mesmos en 2012 ca no 2019. Agora falamos da necesidade de axudas estatais, pero esta empresa comezou sendo pública e foi privatizada; o mercado eléctrico foi liberalizado para a entrada de empresas e para o libre mercado. Os Executivos foron poñendo as regras para chegar a este punto.

HAI MARXE DE MANOBRA OU ESTÁ TODO DECIDIDO?

Llano. Non está todo decidido, e estanse dando pasos. O que se está a buscar é unha solución enerxética que sexa estable para moito tempo, que non sexa algo pasaxeiro. Hai un estatuto das electrointensivas que está en fase de alegacións, con cousas que pon en cuestión a Unión Europea, como a interrompibilidade.

Hai o compromiso de que o Goberno vai aplicar o antes posible o aumento a 180 millóns das comisións emisións indirectas por dióxido de carbono. Tamén hai un compromiso para favorecer contratos bilaterais.

Ermida. A cuestión da enerxía é unha decisión política e aí tense que ver a capacidade dos políticos para chegar onde haxa que chegar e dar solucións. Non sei se o estatuto das electrointensivas se pode aprobar ou non estando en funcións, pero hai alternativas.

Desde o partido ao que pertenzo insistimos na necesidade dunha tarifa eléctrica galega, como país excedentario de enerxía, que sofre as consecuencias medioambientais -eólicos, centrais, encoros- da produción sendo a do recibo da luz máis caro. Téñena País Vasco e Canarias.

Villares. Existe unha marxe de manobra. A chave desta empresa é o custo enerxético, dino os representantes sindicais, dino representantes da UGT, da CIG, de CC OO. Agora mesmo o que é necesario un prezo da luz, que está en mans do Goberno central, e é importante que non dispersemos o discurso.

Nos anos anteriores foise logrando con parches, como fose; o gasoducto solucionou os problemas dunha planta, non de outra. Agora estanse pechando cubas, vendéronse Avilés e A Coruña. Hai un símil, cando tes unha enfermidade, o primeiro é curarse de forma urxente, e despois teremos que falar de bos ou malos hábitos de vida.

IMPÓRTALLE A ALCOA A COMARCA? QUE SE LLE DEBE PEDIR?

Ermida. As empresas móvense polo lícito interese empresarial, e ao final de ano mirarán perdas e ganancias. Aquí quen ten que facer a presión son as administracións políticas, tamén a Xunta, se se entende que o seu peso na Mariña é importante.

Independientemente da empresa, o que temos que defender son os postos de traballo, e se hai investimentos públicos por parte do Estado ten que haber unha corresponsabilidade, non poden ser a fondo perdido.

Se baseamos a nosa política industrial en subvencións, primeiro para as electrointensivas, logo para as eléctricas, non saímos da roda que leva a que as axudas públicas entren por un lado e os políticos que deron as axudas entran por outro e acaban nos consellos de administracións.

Llano. Está claro que desde que se privatizou a empresa o seu carácter social cambiou moito, no tocante ao emprego e aos dereitos dos traballadores. A Alcoa pode non interesarlle quedarse aquí, pero temos unha garantía, que é a calidade do traballo que fan os empregados desta fábrica. Contamos cunha capacitación e unha profesionalidade extraordinaria. Debe haber unha reciprocidade en cuestións de mantemento e investimento. Debe ser a propia empresa a que debe mollarse e buscar a solución, asumir as negociacións.

Villares. O rendemento empresarial non se pode coartar, pero o que nos interesa é que a empresa siga aquí. Primeiro temos que acadar un prezo da enerxía e despois, por suposto, será o momento de sentarse e pedirlle responsabilidade non só nos investimentos na fábrica senón tamén nas cuestións laborais.

QUE PASARÍA NA BISBARRA DE PECHAR? HAI ALTERNATIVAS?

Llano. Evidentemente notaríase no emprego e na demografía, e de feito xa hai que se nota o declive. Cando cheguei á Mariña, no 1990, había 1.800 empregos só directos, sen contar os indirectos, que había outros moitos centos en auxiliares. Agora hai 900 e pico. O que temos que evitar a toda costa é o que ocorre nas Pontes, que a empresa marche sen máis explicacións, hai que ter en conta o interese social e os dereitos dos traballadores.

Villares. As repercusións serían altísimas: 1.200 empregos directos, 500 auxiliares, comercio e hostelería, por non falar do sistema público, sanitario, educativo, administrativo.

Aquí prodúcese aluminio primario, e na Coruña e en Avilés en diante vaise producir aluminio secundario, refundir a chatarra de aluminio, o que leva consigo moitos menos postos de traballo. Esas, ademais, son zonas urbanas que teñen un futuro máis claro. Para nós sería como volver aos anos 80, pero estando no século XXI. Temos que ir todos a unha e visibilizar a nosa situación, porque neste mundo global estamos nunha esquina de España.

Ermida. Non temos nada xerado ao redor que nos poida salvar a situación. Non queremos vernos, situaríanos no peor dos escenarios. Non se creou unha alternativa nin en cuestións relativamente sinxelas, como na apertura ao tráfico comercial do dique que ten en concesión Alcoa. Quedamos fóra dos corredores a nivel de estrada entre Xixón e o Atlántico, e tamén fóra do tráfico marítimo. Eu non creo no devir nin no destino, senón nas causas de decisións anteriores. Non nos puxemos ao nivel competitivo no mercado como o fixeron outras zonas, polo que o noso sufrimento pode ser maior.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...