EFE. O novo presidente do comité de empresa da planta que a multinacional Alcoa ten no municipio lucense de Cervo, José Antonio Zan -de Comisións Obreiras (CCOO)-, confirmou que as mobilizacións para reclamar medidas que garantan a produción de aluminio primario e, polo tanto, o mantemento da actividade e dos postos de traballo, retomaranse “de forma inmediata”.
Precisou que os sindicatos presentes no comité de empresa xa están traballando, á espera de que o Goberno de España presente medidas que ofrezan certeza á actividade de Alcoa na Mariña Lucense, na organización “dunha gran concentración na comarca“, similar ás convocadas en semanas pasadas en localidades como Viveiro, Burela, Xove ou Cervo.
Pero ademais, confirmou que os sindicatos tamén están de acordo na necesidade de facer visible este problema máis aló da Mariña e ata fóra da provincia, tendo en conta de que as solucións á difícil situación que atravesa a factoría dependen de decisións que teñen que tomarse na capital de España.
MOBILIZACIÓNS EN LUGO E MADRID
Por iso, anunciou que haberá outras dúas mobilizacións, unha “en Lugo” e a outra “en Madrid” para reclamar un prezo da enerxía equiparable ao que gozan as empresas electrointensivas en países como Francia ou Alemania.
Recoñeceu que, neste momento, os representantes dos traballadores están moi pendentes do “regulamento” que regulará “a nova poxa de interrompibilidade, dado que “diso depende moito a viabilidade” da propia fábrica.