En Marea instou ás forzas políticas que formen un novo goberno no Estado a comprometerse coa aprobación dun estatuto das electrointensivas que garanta a continuidade da factoría de Alcoa en San Cibrao.
Este luns, o voceiro da formación, Luís Villares, e o deputado do grupo mixto Pancho Casal mantiveron un encontro con representantes do comité de empresa da factoría da Mariña lucense.
“Queremos que aquelas forzas que van formar un novo goberno se comprometan, non só con Alcoa, senón con toda a Mariña e con todos os consumidores de enerxía. Queremos un novo estatuto para as electrointensivas pero tamén para o recibo da luz que pagamos no noso fogar“, incidiu Villares.
Así, insistiu en que o novo estatuto debe “deixar fóra” da poxa de interrompibilidade “á enerxía hidroeléctrica e a nuclear” para así reducir os custos da electricidade a empresas como Alcoa e tamén no recibo da luz das familias.
“Xa abonda da estafa que nos fai pagar máis polo recibo para que as grandes multinacionais multipliquen beneficios á nosa costa“, reivindicou Villares, que asegura que a continuidade de Alcoa en San Cibrao “vai unido á garantía de que o aluminio producido é un aluminio limpo, non como o que vén de Europa que non está a cumprir cos canons de emisión ambiental”.
“PARTIMOS CON 70 MILLÓNS DE DÉFICIT FRONTE A EUROPA”
O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, solicitou un prezo da enerxía estable e viable que “nos permita competir con todos os países de Europa en igualdade de condicións. Non podemos partir todo os anos con 70 millóns de déficit á hora de competir con Francia ou Alemaña“.
CONCENTRACIÓN EN FOZ
O comité lembra que o 4 de novembro (Praza de Fontao, 20.00 horas) haberá unha nova concentración, desta volta en Foz, para esixir un abaratamento do prezo da enerxía eléctrica que favoreza a continuidade da planta de aluminio.
PONTÓN ENTREVISTARASE COS OBREIROS O DÍA 10
O vindeiro dez de decembro, será a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, a que se entreviste cos traballadores en San Cibrao.
RESPOSTA DO GOBERNO A UNHA VECIÑA DE FOZ
Unha veciña de Foz recibiu este luns unha carta asinada polo Departamento de Comunicación con los Ciudadanos da Presidencia do Goberno do Estado, en resposta á que ela lle remitiu a Pedro Sánchez amosándolle o seu apoio a Alcoa, a través da misiva e da campaña realizada pola FCAM (Federación de Comercio A Mariña).
No escrito que lle chegou a esta muller o Executivo central resalta que “polo que respecta á empresa Alcoa e á súa planta de San Cibrao, cabe lembrar que nos últimos anos recibiu un importante investimento a través de diversos mecanismos. Isto é unha clara mostra do compromiso do Goberno coa mellora da competitividade das plantas industriais españolas, especialmente de Alcoa, e dos esforzos na creación dunha contorna estable e predecible para o seu mantemento en España”.
“Indicámoslle que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo aprobou recentemente, entre outras medidas, máis de 170 millóns de euros destinados á compensación de custos indirectos de CO2 para as empresas nas que, como Alcoa, o prezo da enerxía ten un compoñente fundamental na súa estrutura de custos”.