InicioEconomíaO comité pide "paciencia" a Alcoa ante a situación de aluminio, "en...

O comité pide “paciencia” a Alcoa ante a situación de aluminio, “en emerxencia”

Os sindicatos solicitan á firma que non execute despedimentos antes que se estableza un novo marco enerxético e chaman a que a concentración en Foz supoña "un antes e un despois"

Publicada o

- Advertisement -

O comité de Alcoa considera que a situación da planta de aluminio primario de San Cibrao, a única de España, é de “emerxencia” tras coñecerse as condicións da subasta de interrompibilidade, desfavorables para os intereses da factoría, altamente dependente da electricidade, ao reducir máis da metade a potencia a subastar e fragmentar aínda máis os bloques da poxa. Os sindicatos piden así a convocatoria da mesa de seguimento polo futuro da fábrica na que o Goberno central amose o borrador do estatuto das electrointensivas.

OS SINDICATOS ESIXEN AO GOBERNO QUE AMOSE O ESTATUTO

A creación desta mesa é unha promesa da ministra de Industria en funcións, a socialista Reyes Maroto, sen que por agora o Executivo a constituíse. Os sindicatos sinalan que ante o anuncio de Alcoa dun plan de axuste a cinco anos vista que inclúe a redución da produción e mesmo o peche de plantas, e ante as condicións da poxa de interrompibilidade, criticadas pola multinacional, a situación da planta de aluminio sancibrense pasa de ser “urxente” a unha “emerxencia”.

Deste xeito, esixe a constitución da mesa coa maior celeridade e reclama tamén a presenza nela da ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.

O presidente do comité, José Antonio Zan, pide á Mariña Lucense que apoie a concentración deste mércores en Foz (Praza Conde de Fontao, 20.00 horas) para esixir un abaratamento da enerxía eléctrica que favoreza a continuidade do aluminio na comarca. “Esta concentración ten que marcar un antes e un despois, porque nos xogamos moitísimo”, indica o sindicalista.

REUNIÓN CO VICEPRESIDENTE EXECUTIVO

O comité informou dunha reunión mantida co vicepresidente executivo de Alcoa, John Slaven, e coa vicepresidenta de operacións de Europa e Oriente medio, Christine Keener, ante quenes reivindicaron o “potencial humano” do complexo industrial sancibrense. Os sindicatos pedíronlle aos mandatarios da firma estadounidense “paciencia” para que “non se tomen medidas” antes de que se aproben medidas de abaratamento da enerxía. Ademais, expuxeron que a presentación dun plan de investimentos por parte da multinacional “axudaría a presionar ao Goberno” para obter unha electricidade máis barata.

Unha reclamación, a dun marco tarifario que ofreza un prezo da luz asequible e estable durante un período de tempo, que os dirixentes de Alcoa consideran “a prioridade“, para remarcar, segundo afirmou o comité, que “nos últimos anos a tendencia incrementou os prezos“.

ÚLTIMAS

Seis anos de cadea para un veciño do Valadouro por agresión sexual a unha moza

A Audiencia Provincial da Coruña condenou a seis anos de prisión a un mozo,...

OPP Burela organiza unha nova xornada sobre a obriga de desembarque e valorización

A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela organizou na mañá do xoves...

Ribadeo prende as luces de Nadal este 1 de decembro

O Nadal da comezo mañá, 1 de decembro, en Ribadeo co acendido do alumeado....

Retrasarase a ampliación da balsa de lodos de Alcoa?

O comité de Alcoa informa de que "faltan algunhas aprobacións" da Xunta para a luz verde á ampliación...