InicioEconomía"Temos que motivar á xente nova e transmitir que a pesca pode...

“Temos que motivar á xente nova e transmitir que a pesca pode ser un bo oficio”

Burela acolle desde este xoves o Congreso Nacional de Artes pesqueiras, que inclúe un encontro infantil divulgativo, e no que o relevo xeracional estará no punto de mira

Publicada o

- Advertisement -

Burela será desde este xoves o epicentro pesqueiro estatal coa celebración (desde as 16.30 horas, salón de actos de ABSA) do primeiro Congreso Nacional de Artes de Pesca, que organiza a Fundación Expomar co financiamento do GALP A Mariña-Ortegal. O relevo xeracional e a reivindicación das técnicas tradicionais e sostibles serán algúns dos temas do simposio, que incluirá un encontro infantil para promover bos comportamentos relacionados co medio mariño.

Co obxectivo de poñer en valor as artes de pesca en perigo de desaparición, así como o intercambio de coñecmientos sobre as artes de outros territorios de ámbito estatal, o Congreso abrirase coa presenza da Directora Xeral de Pesca da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez Moreda; e Pablo Rivera Capón, deputado de Promoción Económica da Deputación de Lugo.

RELATORES DE ILLAS BALEARES, VALENCIA E ANDALUCÍA

Durante o congreso intervirán profesionais relacionados co mundo pesqueiro de ámbito nacional e galego, así como representantes de confrarías de pescadores de diferentes puntos de España. A primeira xornada comeza poñendo en valor as artes de pesca e o papel das novas xeracións, cunha conferencia a cargo de Basilio Otero Rodríguez, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores e Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Burela.

Tamén se exporán as especies diferenciais e as artes de pesca en distintas áreas xeográficas, xa que participan José Caballer Torrent, presidente da Comunidade de Pescadores El Palmar (Valencia); Juan Mercant Terrasa, Director Xeral de Pesca e Medio Mariño do Goberno das Illas Baleares; e Manuel Suárez, Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Tarifa (Andalucía).

A xornada pecharase cunha mesa de debate sobre as boas prácticas para unha pesca sostible, na que, ademais dos anteriores relatores, tamén intervirá o coordinador de pesquerías de WWF España (Fondo Mundial para a Natureza), Raúl García Rodríguez.

A PESCA ARTESÁ CONXUGA “CALIDADE E SOSTIBILIDADE”

O alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, resalta que é “unha honra para nós acoller persoas de todo o Estado que van explicar diferentes métodos de pesca, sempre artesáns, para darlle unha dimensión sobre como se fan ben as cousas no sector para darlle unha duración permanente“.

O encontro englóbase no proxecto denominado Centro de Coñecemento en
Patrimonio Cultural Pesqueiro, que ten a intención, por parte da fundación, que organiza a feira náutico-pesqueira bianual do mesmo nome, de “poñer o sector na orde do día, no centro do debate”.

Llano destaca as vantaxes que ten a pesca artesá “tanto para o consumidor, ao que ofrece un produto de calidade“, como “para o futuro e a estabilidade, dado que se respecta ao máximo as especies”. Un modelo pesqueiro do que o municipio, “onde se subastan cada día máis de cen tipos de peixe“, é referente, dado que “dúas especies tan significativas como a pescada do pincho ou o bonito do norte péscanse selectivamente, peza por peza”.

“UN TRIPULANTE POR CADA CINCO OBREIROS EN TERRA”

Unha das cuestións que “preocupa” e que se abordará no Congreso é “o relevo xeracional e a ocupación dos profesionais, porque non hai moitos vaian formar parte das tripulacións. Temos que motivar á xente nova para que se involucre, porque hai un problema que canto antes se debata, mellor”, sinala. O presidente da Fundación Expomar remarca que “por cada tripulante hai cinco postos de traballo en terra“, o que quere dicir “que se trata dun movemento social, económico e cultural tremendo“.

Neste sentido, Llano afirma que se tentará na vindeira feira Expomar “un stand con información de todas as posibilidades de formación marítima que hai en Galicia e tamén das saídas profesionais, porque é importante hoxe en día para que a nosa comarca siga vivindo, como viviu e vive, da pesca”.

“Darlle a máxima importancia posible á pesca é un deber de todos”, sinala Llano, que non cre que a sociedade lle estea dando a espalda ao mar. “Cada vez hai máis conciencia de consumir este tipo de produtos, pescados deste xeito. O certo é que si hai un problema para transmitir que a pesca pode ser un bo oficio, e pensamos que encontros coma este, que é pioneiro, poden axudar”.

OS MÁIS NOVOS, PROTAGONISTAS O XOVES

Desa necesidade de relevo xurde tamén o Congreso Infantil ‘Conservemos o noso mar‘ (o xoves pola mañá), que se centrará no alumnado dos centros educativos de Burela, que desde hai semanas traballan en diferentes proxectos no marco do concurso ‘O Mar Luce‘.

Os alumnos do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme participan cun concurso de debuxo sobre o mar e as especies mariñas. No CEIP Plurilingüe Vista Alegre os pequenos están traballando na elaboración dunha escultura realizada con lixo e residuos varios recollidos nas praias. Os xoves do IES Monte Castelo presentarán representacións artísticas de casas mariñeiras nas que se traballaban diferentes oficios relacionados co mar. E os alumnos do IES Perdouro concursan nun certame de fotografía de temática mariñeira.

O Congreso Infantil abrirase coa intervención da doutora en Historia Contemporánea e profesora do IES Monte Castelo, Herminia Pernas Oroza, ‘Unha ollada á contribución histórica do porto de Burela á pesca sostible‘.

E antes do peche do Congreso proxectarase a curtametraxe ‘Todos os días o mar’, do programa ‘Vidas Mariñeiras‘ promovido polos GALP para poñer en valor os oficios tradicionais e paisaxes mariñeiras da costa galega. O documental está realizado polo alumnado do IES Monte Castelo de Burela e representa un retrato do día a día da tripulación do palangreiro de fondo ‘Raúl Primero‘ no seu traballo no caladoiro de Gran Sol.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...