A secretaria provincial dos socialistas lucenses e deputada autonómica, Patricia Otero, e a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, avanzaron que o grupo parlamentario do PSdeG-PSOE rexistrou unha pregunta urxente, que será debatida no vindeiro pleno, coa que reclamará “explicacións” á Xunta de Galicia sobre a “grave crise” que atravesa a empresa Muebles Hermida en Lourenzá. O pasado 9 de decembro a dirección da empresa comunicou aos traballadores que solicitara o concurso voluntario de acredores debido ás dificultades económicas que atravesa.
Otero vai interpelar ao Goberno para saber “se a Xunta de Galicia ten previsto mediar na crise que atravesa a empresa, buscando un plan de viabilidade, para garantir deste xeito a actividade e os postos de traballo”.
Este plan de viabilidade foi reclamado polas tres forzas políticas da corporación -PSdeG-PSOE, PP e BNG-, esixindo como condición imprescindible o pago dos tres meses de salarios que Muebles Hermida adebeda aos seus 95 traballadores, que serán catro o vindeiro domingo, 15 de decembro.
Así as cousas, a dirixente socialista remarca ademais que xa rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias para demandar ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo “un plan de viabilidade que garanta a súa actividade e os postos de traballo”. Critica tamén a “nula implicación” da Xunta de Galicia nesta “grave crise que non só afecta ao concello de Lourenzá, senón a toda a Mariña Lucense“.
“A día de hoxe hai preto de cen familias que non cobran os seus salarios e mentres o Goberno de Feijóo mira cara outro lado. Temos que actuar xa, a situación é dramática para moitos laurentinos e para moitos veciños da Mariña”, advertiu Otero.
O BNG TAMÉN LEVOU O CONFLITO AO PARLAMENTO
O BNG avanzou días atrás a presentación dunha iniciativa no Parlamento de Galicia “para debatelas o antes posible, vendo como se está a poñer un nubarrón enriba desta comarca, tanto coa situación de Muebles Hermida como de Alcoa“, expuxo a deputada autonómica do partido frontista, Olalla Rodil.
A representante do Bloque considerou que a Xunta debe “intervir” para evitar “que unha empresa con case cen empregados se vaia a pique por unha mala xestión empresarial. Hai capacidade para seguir producindo mobles e o Goberno autonómico debe garantir os dereitos dos traballadores”, concluíu.
O CONCELLO “CHAMARÁ A TODAS AS PORTAS”
Pola súa banda, López remarcou o “compromiso” do executivo municipal cos traballadores e coas súas familias. “Dende o Concello non temos competencias para solventar esta grave crise, pero queremos que saiban que chamaremos a todas as portas para tentar atopar unha saída de futuro a esta empresa”, dixo a rexedora.