O porto de Burela acolleu esta semana o primeiro Congreso Nacional de Artes de Pesca, promovido pola Fundación Expomar co obxectivo de poñer en valor as artes de pesca en perigo de desaparición, así como o intercambio de coñecementos sobre as artes doutros territorios de ámbito estatal.
Trala primeira xornada na tarde do xoves dedicada ás diferentes artes de pesca na costa española, na mañá do venres tratáronse diversos temas, como a “xestión portuaria en Galicia”, a cargo do xefe da zona norte de Portos de Galicia, Antonio López Fernández; a “capacidade de crecemento do sector pesqueiro”, por María do Carme García Negro, doutora en Ciencias Económicas e Empresariais e profesora de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela; a “conexión rural-mar no impulso do tecido socioeconómico a través do turismo”, por Vidal Martínez-Sierra López, presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Miranda; a “pesca recreativa e rexistro de capturas en Galicia”, por José Antonio Beiro Diz, presidente da Federación Galega de Pesca Marítima Responsable e Náutica de Recreo; e as “oportunidades de financiación para o sector pesqueiro”, a cargo do director de Abanca Mar, Javier Fraga Díaz.
O Congreso Nacional de Artes de Pesca pechouse cunha mesa de debate sobre “a innovación no sector pesqueiro”, moderada polo xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, Sergio López; na que tamén participou Concepción Blanco Fanego, directora de exportación e importación de Pescados Rubén.
CENTRO DE COÑECEMENTO DO PATRIMONIO PESQUEIRO
Este congreso encádrase no proxecto Centro de Coñecemento do Patrimonio Cultural Pesqueiro, promovido pola Fundación Expomar e financiado polo GALP A Mariña Ortegal, que ten como obxectivo a recuperación e visibilización do patrimonio e cultura mariñeiras.
No mesmo marco celebrouse, o pasado xoves, o primeiro Congreso Infantil Conservemos o Noso Mar, no que o alumnado dos catro centros educativos de Burela –CEIP Plurilingüe Virxe do Carme, CEIP Plurilingüe Vista Alegre, IES Monte Castelo e o IES Perdouro– presentaron traballos de debuxo, fotografía, representacións artísticas ou escultura a partir de residuos, e tamén poideron coñecer o pasado pesqueiro burelao e a súa contribución á sostibilidade da man da historiadora Herminia Pernas Oroza, entre outras actividades.
Outras accións que se desenvolven neste proxecto son os ciclos de charlas que xa tiveron lugar nos centros educativos por parte de profesionais do mar, nas que se falou aos rapaces sobre a vida no mar, o deseño de catálogos e repositorios sobre as artes de pesca e a fauna e flora mariña.