InicioEconomíaPanorámica da crise industrial galega nunha semana "decisiva" para Alcoa

Panorámica da crise industrial galega nunha semana “decisiva” para Alcoa

Endesa, Ferroatlántica ou Barreras exemplifican as dificultades da economía xunto a San Cibrao, que afronta unha poxa de interrompibilidade que fai temer polo emprego

Publicada o

- Advertisement -

ELIZABETH LÓPEZ, EFEGalicia atravesa unha crise industrial que está lastrando a súa economía e que afecta sobre todo á provincia da Coruña, onde o prezo da enerxía e a ausencia de políticas públicas están poñendo en perigo o mantemento da actividade e o emprego en empresas como a central térmica das Pontes e as antigas metalúrxicas de Alcoa e Ferroatlántica, entre outras.

Todos os axentes consultados por Efe coinciden nesta diagnose, entre eles os empresarios galegos, os sindicatos CC OO e UGT e as propias industrias afectadas, críticos coa deficiente ambición das administracións públicas en buscar solucións a un sector que ten en xaque a miles de empregos en Galicia.

A Xunta de Galicia atribúe á inestabilidade política na formación dun goberno central parte da responsabilidade do problema; os empresarios impútano á competencia de Portugal en baixar o prezo do chan industrial, o custo da enerxía, a presión fiscal e a burocracia, algo no que coinciden os sindicatos, críticos ademais coa falta de implicación e falta de previsión das administracións públicas nesta crise.

A solución compartida por todos pasa por reforzar a estabilidade política, aprobar de forma inmediata un marco estatutario para favorecer a enerxía competitiva para a industria electrointensiva e un marco regulatorio estable para unha transición xusta e ordenada cara á descarbonización da economía.

SEN POLÍTICAS INDUSTRIAIS A LONGO PRAZO

“Non se está tomando en serio a política industrial e a longo prazo”, asevera a Efe o secretario xeral de Industria de CC OO de Galicia, Víctor Ledo, que identifica unha problemática distinta nos considerados cinco grandes sectores estratéxicos da economía galega, que son o enerxético, que inclúe o siderúrxico, o do automóbil, o naval, o téxtil e o agroalimentario.

CCOO considerou que é o primeiro no que “falta unha política enerxética que é máis flagrante e dura se cabe aínda” para afrontar o proceso de transición cara a unha economía que rebaixe as emisións contaminantes causantes do cambio climático.

“O que estamos vendo é unha transición abrupta con procesos de peche traumáticos nas Pontes e Meirama“, dúas das térmicas máis contaminantes, aos que se suma na comarca o de Elaborados Metálicos Emesa e axustes cun ERE en Isidro 1952, tralo recente peche de Isowat.

ENERXÍA MOI CARA

O responsable a Federación de Industria UGT Galicia, Javier Carreiro, tamén sostén que o problema é o “custo da enerxía” xerada polas térmicas que se converteu en “moi cara” polos dereitos de emisións contaminantes e levou a algúns sectores en Galicia a “non ser competitivos”.

No conxunto de España, ambos sindicatos, xunto á patronal da industria electrointensiva Aege e a siderúrxica Unesid, remitiron o pasado venres unha carta ao Goberno central para manifestar o seu desgusto e preocupación pola poxa de interrompibilidade que comeza este luns e que reduce case un 60% a potencia para ese sistema que permite custos inferiores ao mercado a condición de cortar o fornezo en caso en casos de necesidade para a poboación.

Nestas condicións, responsables en España da multinacional estadounidense Alcoa alertan do risco de peche da única planta que ten en Galicia de produción de aluminio primario, a de San Cibrao (Lugo), polo novo sistema de poxa de enerxía que rebaixa a cantidade de enerxía e a súa distribución.

Sobre San Cibrao, ademais, planea a interceza do anuncio da multinacional a nivel mundial, que avanzou un plan de axuste que inclúe o peche de plantas e a redución da produción.

A INDUSTRIA SÓ REPRESENTA O 14% DO PIB EN GALICIA

Ademais, UGT denuncia que as multinacionais “xogan coa especulación” e pechan fábricas en Galicia para irse a outros países como Portugal, como foi o caso, cita, de Poligal, instalada antes en Ferrol.

Carreiro enfatizou que o Goberno comprometeuse a promover o sector industrial ata niveis de 20% do PIB o próximo ano, aínda que actualmente apenas representa un 14% en Galicia, polo que advertiu de que “estamos moi lonxe e cada vez imos a peor”.

O sector do automóbil deberá afrontar a transformación dos contaminantes vehículos de motores diesel e gasolina a outros de menor impacto ambiental; o agroalimentario rexistra unha crecente precariedade laboral; no naval e téxtil a carga de traballo e a falta de modernización e tecnoloxía corren o risco de menoscabar o seu crecemento.

A PATRONAL RECLAMA PANS DE REIDUSTRIALIZACIÓN

A patronal galega aboga por adaptar o modelo socioeconómico ás necesidades do mercado actual, impulsar plans de reindustrialización ou de transición cara a sectores máis competitivos, e polo apoio dos gobernos á exportación o investimento, a formación de capital humano e o incremento de fondos en I+D+I.

ALUMINIO

Alcoa: O problema fundamental desta empresa é o prezo da enerxía. “Este custo está por encima nun 40 % do da enerxía eléctrica dos nosos competidores en Alemaña ou Francia, polo que o custo actual da enerxía eléctrica en España para a nosa industria fai que a produción de aluminio primario sexa inviable”, aseguran a Efe fontes da multinacional do aluminio. Alcoa mantén en San Cibrao (Lugo) unha factoría tras vender a planta da Coruña ao fondo suizo Parter Capital.

O CARBÓN: ENDESA E NATURGY

Endesa e Naturgy: Ambas compañías anunciaron senllos peches nas súas fábricas de carbón nas Pontes e Meirama, na Coruña, porque non son rendibles, e como no caso de Alcoa sucedéronse numerosas manifestacións dos seus traballadores en demanda de solucións. Nas Pontes, Endesa non ve posible actualmente un futuro económico para a planta de carbón, nun inevitable proceso de descarbonización da economía, polo que o problema principal trasladouse no curto prazo ás auxiliares, que só teñen compromiso de carga de traballo ata a primavera.

GAS

Reganosa: A planta de gas situada en Mugardos (A Coruña) estase vendo favorecida pola complicada situación que atravesa Endesa nas Pontes e de feito logrou pasar dunha baixa actividade a picos de produción do 50%. Aínda que o gas é menos contaminante que o carbón, deberá afrontar no entanto no futuro ese proceso de transición, aínda que o principal problema da gasificadora é a súa ubicación. Próxima a núcleos urbanos e ao arsenal de Ferrol, a súa actividade no emprazamento actual deberá continuar cos permisos en regra despois de que o Tribunal Supremo declarase nula en xullo pasado a exención do trámite de avaliación ambiental.

METALURXIA

Ferroatlántica: A planta metalúrxica situada en Cee (A Coruña), adquirida fai tres meses xunto a dez centrais hidroeléctricas na conca do río Xallas por TPG Sixth Street Partners, é outra gran consumidora de enerxía e tanto un plan de viabilidade como a non segregación de actividades hidroeléctricas e industriais son as principais demandas a esta compañía.

ASTELEIROS

Navantia: O asteleiro público da ría de Ferrol ten na carga de traballo o seu reto principal, pois o persoal permanece en subactividade, o que deriva nunha cascada de despedimentos en auxiliares que se quedan sen contratos para reforzar ao persoal principal.

Vulcano e Barreras: Son os dous grandes asteleiros privados da ría de Vigo e ambos atravesan situacións complexas. O primeiro está en fase de liquidación. Os seus 68 empregos foron xa rescindidos. O segundo solicitou a disolución xudicial da sociedade e, a expensas dunha solución, ten a un milleiro de empregados pendentes do seu futuro, separadamente de 800 que xa se foron á casa ao paralizarse a actividade en gradas.

XIGANTES: INDITEX E PSA

Inditex e PSA: o xigante téxtil de Arteixo (A Coruña) e a multinacional do automóbil en Vigo gozan de excelente saúde e resultados, e mentres a primeira afianza a súa estratexia de transformación sostenible global, que culminará no ano 2025, a segunda ten a súa principal preocupación nas limitacións ás emisións de CO2 vixentes a partir do próximo ano, así como a “demonización” do gasoil e os seus efectos no mercado.

ESIXEN UNHA REACCIÓN “INMEDIATA” DO EXECUTIVO CENTRAL

A Xunta de Galicia xa lle trasladou ao Goberno a “necesidade dunha reacción inmediata” ante o proceso de transición enerxética para que se faga de xeito “xusto e ordenado”. Este mes asinou en Compostela cos empresarios e os sindicatos UGT e CCOO un novo acordo de diálogo social, cuxas primeiras medidas prevé implantar na primeira metade de 2020, sobre unha “transición enerxética xusta” que garanta a pervivencia do sector industrial galego nun momento no que se ve ameazado.

Pola súa banda, o presidente da patronal coruñesa, Antonio Fontenla, representante da Xunta de Vicepresidentes da Confederación de Empresarios de Galicia, propón solucionar a crise electrointensiva aprobando canto antes un novo marco enerxético co que o custo eléctrico deixe de ser un lastre para o seu competitividade a nivel europeo. “Pero para iso ten que haber un Goberno en plenitude de funcións, así que toca esperar aínda”, engade.

UGT insiste en adaptar os custos para poder competir en Europa e aprobar un estatuto eléctrico xa. “Que dunha vez por todas o Goberno pense que un país con industria é competitivo e faga unha aposta seria por potenciar o sector industrial”, engadiu.

PROCESO CARA AS ENERXÍAS RENOVABLES

Neste contexto, CCOO propón un pacto sobre a enerxía para afrontar unha transición xusta, así como convenios de colaboración que impliquen a todas as empresas enerxéticas para que afronten o proceso cara ás enerxías renovables. En Galicia son partidarios da eólica e a fotovoltaica.

Igualmente, as empresas defenden converxer en custos de enerxía eléctrica con países da contorna como Alemaña e Francia, así como poñer en marcha un estatuto ou un marco enerxético estable que conteña as medidas necesarias para garantir un custo da enerxía eléctrica en liña coa dos competidores.

No resto de sectores, o do automóbil e vinculado á transformación enerxética xusta deberá reconverter o parque móbil en sostible; o agroalimentario está experimentando maiores crecementos e aumento de beneficios e debe mellorar as condicións laborais; ao naval e téxtil conviríalles investir en procesos tecnolóxicos e, en concreto no primeiro na optimización de pedidos con máis axilidade e tecnoloxía.

CUARTA REVOLUCIÓN INDUSTRIAL

A carga de traballo inflúe, porque se unha empresa non é competitiva non pode ter carga de traballo, pero é necesario ademais investir en tecnoloxía, engade UGT. “Temos que apostar polas novas tecnoloxías e a industria 4.0 ou si non nos imos quedar nun deserto”, asegura Carreiro.

En definitiva, o sector industrial afronta os retos de modernización tecnolóxica da denominada ‘cuarta revolución industrial‘ como a dixitalización, a intelixencia artificial, o tratamento de macrodatos, a impresión tridimensional e outros aspectos ao que algúns lle auguran un futuro prometedor, sen esquecer as limitacións e oportunidades que a descarbonización da economía pode brindar.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...