A mesa de Alcoa, na que participan Goberno, sindicatos e dirección da empresa, volverase a reunir o próximo 23 de xaneiro na Subdelegación do Goberno en Lugo. A convocatoria estaba prevista para o 15 de xaneiro, pero pospúxose por problemas “de axenda”.
O presidente do comité de empresa da planta de San Cibrao (Cervo), José Antonio Zan, explicou que “unha das novidades é que teremos a reunión con ministerios, a mesa de Alcoa, o 23 en Lugo. Foi por un tema de axenda o cambio, xa que levamos tres meses esperando por ela“, subliñou.
O PRIMEIRO CONSELLO DE MINISTROS, O 14
Ademais, Zan confía en que ese día xa estea aprobado “o estatuto para empresas electrointensivas“, posto que xa se terá celebrado o primeiro Consello de Ministros (o 14 de xaneiro). Así pois, o comité agarda que “xa teñamos algo sobre o que falar. Se tivésemos a reunión co estatuto xa aprobado e se soubésemos que serve para todas as empresas, sería moito mellor”, esbozou.
A reunión convocouna o Ministerio de Industria e nela participarán representantes do Ministerio de Transición Ecolóxica, “como houbo en Madrid“, segundo lembrou o sindicalista de Comisións Obreiras. “Debullarannos un pouco o estatuto e as medidas que trae, que esperemos que sexan definitivas e a longo prazo”, estimou finalmente Zan.
A CIG DI QUE “XA NON HAI EXCUSAS” PARA UNHA TARIFA INDUSTRIAL “XUSTA E ESTABLE”
Delegados e delegadas da CIG nas industrias electrointensivas continuaron este venres co calendario de mobilizacións en demanda dunha “tarifa industrial xusta, estábel e competitiva” que reverta “a fonda crise” na que están sumidas dende hai máis de un ano este tipo de empresas con grandes consumos eléctricos.
Na protesta, que se desenvolveu diante do edificio da Delegación do Goberno, na Coruña, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, valorou que unha vez investido o presidente, co novo Executivo a piques de nomearse e co primeiro Consello de Ministras e Ministros convocado para o próximo martes “xa non hai ningún tipo de escusa para o que Goberno español non aprobe de inmediato as medidas necesarias para rematar coa situación agónica que existe no sector pola falta dunha tarifa industrial”.
Unha agonía, engadiu, “que pode acabar en traxedia”, polas ameazas sobre o emprego e a continuidade na produción de aluminio en Alcoa San Cibrao; a incerteza na que segue sumida Alu Iberia; “o Erte, o descolgue salarial e o desmantelamento do convenio colectivo que pretende Ferroatlántica na planta de Sabón”; a “inseguridade” que se vive nas plantas desta misma firma en Cee e Dumbría; ou as “nubes” que pesan sobre Celsa Atlantic.
PRESIÓN “INTOLERABLE” SOBRE OS OBREIROS
Nesta liña, o secretario xeral da CIG denunciou tamén o proceder das empresas que aproveitan o argumento dos altos custes da enerxía para aplicar duras medidas de recortes de dereitos e de empregos. “Hai dous responsábeis nesta crise: a ineptitude do Goberno central pola súa lentitude á hora de actuar e, por outro lado, unhas empresas que andan buscando que sexan os traballadores e as traballadoras as que paguen esta inacción”, advertiu.
Para Carril, esta pretensión resulta “intolerábel” e por iso a CIG seguirá coas protestas semanais “até que o Consello de Ministras e Ministros aprobe as políticas urxentes para evitar esta inestabilidade, incerteza e risco permanente sobre os empregos”. A vindeira será na Laracha, o xoves 16 de xaneiro ás 18.00 horas.