InicioEconomíaOs obreiros de Reymogasa manteñen a convocatoria de folga tras reunirse coa...

Os obreiros de Reymogasa manteñen a convocatoria de folga tras reunirse coa dirección de Dominion

A coordinadora que reúne aos sindicatos das auxiliares de Alcoa respalda o calendario de protestas do persoal para a subrogación de 65 empregados "co 100% das condicións laborais"

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Reymogasa mantén o calendario de protestas aprobado en asamblea, no que figura unha convocatoria de folga para o día 20 de xaneiro, tras non producirse achegamentos na reunión mantida este venres coa dirección da empresa Dominion I & I, nova adxudicataria dos traballos de mantemento mecánico no departamento de dixestión de alúmina, no complexo industrial de Alcoa San Cibrao.

Os traballadores reclaman que a subrogación dos 65 empregados de Reymogasa encargados destas tarefas, que debera facerse efectiva precisamente o vindeiro día 20, se realice segundo as condicións laborais do convenio aprobado pola empresa e polos sindicatos, o que polo de agora Dominion I & I rexeita.

Segundo expuxo o presidente do comité de empresa de Reymogasa, Javier Prado, a nova concesionaria do servizo “non nos trouxo nada novo” no encontro mantido na mañá deste venres, de xeito que os empregados seguirán co calendario de protestas. Os obreiros realizarán marchas cara a portería de Alcoa os días 15, 16 e 17 de xaneiro, de 5.00 a 8.00 horas, cortando o tráfico nas dúas entradas ao complexo industrial, a principal e a de Morás.

O LUNS, VINDEIRA REUNIÓN

Ademais, renunciarán desde este mesmo venres á realización das horas extras, e convocaron para o 20 de xaneiro unha folga, coincidindo co día no que se fará efectivo o contrato acadado por Dominion I & I. “Xa está mandada toda a documentación da realización do paro á Subdelegación de Goberno”, precisou Prado. A vindeira reunión entre a xerencia e os sindicatos será o luns, ás 12.00 horas.

AS AUXILIARES ESIXEN QUE SE “CUMPRA A LEI”

A plataforma coordinadora de traballadores das auxiliares de Alcoa, que engloba a 20 empresas e a representación sindical de máis de 900 empregados, anunciaron o seu apoio ás mobilizacións convocadas polo persoal de Reymogasa, e pídelles “solidaridade cos compañeiros” aos empregados das outras 19 firmas.

A coordinadora remarca que a reivindicación dunha subrogación “co 100% das condicións laborais actuais” é non só unha petición “digna e necesaria”, senón que “non fai máis que esixir o xa representado no convenio provincial da sidrometalurxia de Lugo”. Así, reclama a Dominion I & I e a Alcoa que “cumpran coa legalidade vixente“.

MANIFESTACIÓN CONXUNTA

Desde a agrupación lémbrase que se traballa nunha manifestación conxunta de todas as auxiliares, na que se reivindicarán varios puntos: a subrogación co 100% das condicións laborais pactadas dos 65 traballadores de Reymogasa; a readmisión dos empregados despedidos en Industrias Xove; a fin da discriminación por sexo das mulleres, que “perciben salarios por debaixo dos homes”; e a visibilización da condición do conxunto dos obreiros como “persoal directo” do complexo industrial de San Cibrao.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...