InicioEconomíaAsinado o Erte de Muebles Hermida, sobre a que se esperan novas...

Asinado o Erte de Muebles Hermida, sobre a que se esperan novas “en tres ou catro meses”

O expediente suporá a suspensión de 93 empregos durante un período máximo de 270 días, e comezará a aplicarse previsiblemente a finais de xaneiro

Publicada o

- Advertisement -

Sindicatos e dirección de Muebles Hermida asinaron este venres o Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) proposto polo administrador concursal, que suporá a suspensión dos contratos de 93 traballadores durante un período máximo de nove meses, á espera de que haxa un comprador ou unha inxección de capital que sirva para reflotar a moblería de Lourenzá, que solicitou o concurso voluntario de acredores no pasado mes de decembro.

63% do persoal dera nunha votación celebrada o 7 de xaneiro o seu respaldo á negociación do Erte, que previsiblemente se comezará a aplicar a finais deste mes, a expensas de posibles retrasos na súa tramitación. Os traballadores, que debían volver aos seus postos tralas vacacións de Nadal o vindeiro día 13, terán un permiso retribuído ata a aplicación do Expediente de Regulación Temporal de Emprego.

A excepción, por agora, son catro traballadores que farán tarefas de mantemento, tres a tempo completo e un cunha xornada do 50%, ata a aplicación do Erte.

REINCORPORACIÓN

A suspensión dos empregos, segundo explica o presidente do comité de empresa, Manolo Franco, sería “de nove meses como máximo”, é dicir, ata o mes de setembro ou outubro, “para non andar renovando compromisos constantemente e reducir así a burocracia”. Os traballadores quedarán no paro sen indemnización e coas condicións habituais da prestación do desemprego, percibindo o 70% da base de cotización durante o primeiro semestre e do 50% a partir dos 180 días.

Durante o período no que os seus empregos estean en suspenso, os traballadores poderán traballar “en calquera sitio, ben por conta propia ou allea”, e decidirán, de atoparse comprador, se volven ou non á empresa, tendo que ser advertidos desta posibilidade “cun mínimo de oito días de antelación, o que conseguimos porque nos propuñan catro”, indica Franco. De continuar en Muebles Hermida, os obreiros manterán as súas condicións actuais, tamén no tocante á antigüidade.

CATRO MESES SEN COBRAR

Os obreiros levan catro meses sen cobrar. Respecto dos salarios do mes de xaneiro, en principio irán contra a masa, é dicir, a empresa non é capaz de asumilos e acumularanse entre as débedas que se consideran de pago preferente.

No tocante aos meses de setembro, outubro, novembro e decembro, o cobro destes soldos foi solicitado ao Fondo de Garantía Social (Fogasa) do Ministerio de Traballo, que asume un máximo de catro mensualidades. A previsión é que se pague “un prazo de dous meses”, polo que o comité espera cobrar “algo a mediados de febreiro, e en principio decembro deberiamolo percibir en marzo.

“Agora esperamos que se faga efectivo e que nos chamen do Servicio Estatal de Participacións Industriais (Sepi) para facer os pepeis do paro”, indica Franco, que sinalou que non hai posta por agora unha reunión para seguir o proceso co administrador concursal da firma, Javier Reigosa, pero que este se comprometeu “a recibirnos ou poñerse ao teléfono sempre que haxa algunha novidade, en calquera momento”.

INCERTEZA ENTRE O PERSOAL

Respecto da situación dos traballadores nos vindeiros meses, Franco explica que “ata agora a maioría non se moveu, porque estaba pendente da volta ao traballo, pero cada un xa decidirá nas próximas semanas. Uns agardarán un tempo, outros buscarán traballo, uns queren seguir e outros non. O primordial é agora mesmo que nos poida pagar Fogasa, porque hai xente que está ao límite, persoas con hipotecas, familias numerosas, fillos estudiando fóra… A cousa está complicada”, admite.

Á BUSCA DUN COMPRADOR

A “esperanza” do comité de empresa de Muebles Hermida é que haxa unha venta que permita retomar a produción. “Sabemos que hai contactos con varias empresas“, indica Franco, “pero de momento non hai nada definitivo”. Os sindicatos aseguran que a previsión do administrador concursal é que “en tres ou catro meses se poida saber algo máis” sobre o futuro da moblería laurentina, empresa chave para as poboacións tanto de Lourenzá como de Mondoñedo, aínda que se trata de “suposicións”.

“Temos unhas boas instalacións, con nove ou dez anos de antigüidade, e persoal cualificado“, expón Franco, que cre que o futuro de Muebles Hermida depende dunha compra. “Unha inxección de capital non serviría de moito; ten que vir unha dirección nova, que cambie radicalmente a organización”, conclúe.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...