A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, asegurou este luns que o Goberno aprobará “en días” o estatuto dos consumidores electrointensivos polo que esperan, entre outros colectivos os traballadores de Alcoa, e que “sairá adiante” proximamente.
Nunha entrevista concedida á TVG, a ministra revelou que este mesmo luns falou coa responsable de Industria, Reyes Maroto, que lle trasladou que “en días” este estatuto estará “no Consello de Ministros”.
“Necesitamos con urxencia arranxar o prezo da enerxía nas electrointensivas”, dixo Díaz, que explicou que, nestes momentos, o estatuto está “pendente da resolución de múltiples alegacións“, pero que “sairá adiante” en “días”.
Á ESPERA “DOS INFORMES PRECEPTIVOS”
A propia Maroto referiuse tamén este luns ao documento, asegurando que o estatuto electrointensivo que pretende aprobar o Executivo, “unha vez entregados todos os informes preceptivos necesarios para a súa convalidación”, abordará a dixitalización e a transición ecolóxica, ademais do prezo enerxético.
Segundo a ministra, o obxectivo final de novo reglamento é que a industria española mellore a súa competitividade, un elemento que considera “primordial” e un dos eixos que vertebrará a acción do novo Goberno durante toda a lexislatura, aseverou.
Por iso, o estatuto non só incidirá nos prezos da enerxía, un dos elementos máis importantes á hora de determinar a competitividade da industria española –Alcoa asegurou que a planta de aluminio de San Cibrao é inviable co actual custo da luz-, senón que tamén abordará outros “grandes retos” como a dixitalización ou a transición ecolóxica.
O EXECUTIVO AGARDA O VISTO BO DE BRUXELAS PARA “XERAR CERTEZA”
Así mesmo, Maroto recordou que este tipo de políticas están tuteladas pola Comisión Europea, polo que o Goberno tamén está tentando alinealo con ese marco de axudas que establece Bruxelas, co fin de “xerar certeza” e que, cando se aprobe, se faga “con todas as garantías”.
Á espera dos informes preceptivos, entre os que se atopa un da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), a ministra pediu confianza e puxo en valor as accións realizadas na lexislatura previa, entre as que destacou o aumento das compensacións por emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2) aos 172 millóns de euros.
OS TRABALLADORES PREPARAN AS PROTESTAS DE MADRID
Os traballadores, que seguen á espera de que se aprobe o estatuto, continúan a preparar as concentracións de Madrid do vindeiro 22 de xaneiro, protestas que impulsan CC OO e UGT para reclamar un futuro para a industria electrointensiva.

Os sindicatos fletarán tres autobuses completos, e estudan ampliar a nómina de autocarse de anotarse máis xente nos últimos días. No cartel que acompaña esta información pódese consultar o xeito de inscribirse.
CRUZ DA VENTA PARTICIPARÁ NAS CONCENTRACIÓNS
A asociación de veciños Cruz da Venta de San Cibrao confirmou a presenza do colectivo nas protestas de Madrid, contra “un peche” ou “unha drástica reducción do emprego” que suporía “décadas de retroceso na situación sociolaboral da Mariña Lucense“.