Ramón González Rey/axencias. Alcoa afirmou a través dun comunicado de prensa que a produción de aluminio primario en España “segue sendo inviable” malia as medidas propostas polo Goberno no estatuto electrointensivo, xa que non permiten obter un prezo competitivo da enerxía para a industria española.
Así o transmitiu a multinacional estadounidense que conta cun complexo industrial en San Cibrao, no municipio de Cervo, onde entre a fábrica de aluminio e a de alúmina traballan de xeito directo unhas 1.150 persoas -máis outras case 1.000 en empresas auxiliares-. Estímase que xenera uns 5.000 empregos directos e sobre o 32% do PIB da provincia de Lugo.
NON ESPECIFICA ALEGACIÓNS
Por agora e con todo, Alcoa só puxo en cuestión publicamente a planta de aluminio, que ve “inviable” trala perda dun “90%” dos ingresos en materia de interrompibilidade.
Tras anunciar que presentou unha serie de alegacións ao proxecto de Real Decreto do consumidor electrointensivo –que non especifica no documento enviado á prensa-, cuxo borrador deu recentemente a coñecer o Executivo central, Alcoa asegurou que a súa aplicación é “incerta e non está asegurada nin para 2020 nin para anos posteriores“.
De feito, tras xerar “perdas operativas” nos exercicios 2018 e 2019, sostivo que esta situación prolongarase durante este ano, culpando diso “ao incremento do prezo da electricidade”.
Segundo os seus cálculos, o custo da luz incrementouse desde unha media de 35 euros o megavatio hora (MWh) no período 2013-2017, ata unha media de case 50 euros o MWh durante o periodo 2018-2019, o que supón un incremento do 40%.
“FACTOR DIFERENCIAL DE COMPETITIVIDADE”
Debido a que o prezo da electricidade se determina a nivel nacional, a diferenza do prezo do aluminio e das materias primas, que se fixa nos mercados internacionais, Alcoa sinala que este prezo é o “factor diferencial que marca a competitividade nun mercado global”.
Este factor representa, precisamente, o 45% do total dos custos de produción de aluminio primario na súa planta de San Cibrao, polo que cre que a actividade “non será viable sen un marco regulatorio competitivo que garanta un prezo da electricidade” que a empresa considera que ten que ser inferior aos 35 euros o MWh.
O GOBERNO REMARCA QUE O PREZO ACTUAL É DE 41 MWH
No entanto, desde o Goberno apuntan a que nos últimos dous anos o prezo baixou de 57,3 euros o MW aos actuais 41 euros, o que representa unha rebaixa do diferencial respecto de os países da contorna de preto de 13 puntos, e que en 2022 as previsións xa apuntan a que o prezo en España será máis baixo que no resto de países, cun diferencial negativo de 1,9 euros en 2022.
Así o explicou este mércores a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, a partir de datos da patronal de empresas de gran consumo de enerxía (AEGE), nunha comisión do Congreso, que fixa o prezo medio diario da electricidade en España no que vai de ano de 41 euros o megavatio (MW), o que representa un diferencial “de tan só 5,9 euros fronte aos niveis de Alemaña ou Francia“.
CC OO E UGT: O ESTATUTO É “INSUFICIENTE E CONFUSO”
UGT e CC OO anunciaron unha batería de alegacións ao borrador do estatuto de consumidores electrointensivos, xa que consideran que as medidas que aporta son “insuficientes e confusas“, e piden establecer a figura do consumidor hiperelectrointensivo, tal e como se fixo en Francia tras aprobalo a Unión Europea, e recuperar o servizo de interrompibilidade. Son algunhas das medidas reclamadas polos Gobernos de Galicia, Asturias e Cantabria, que presentaron reclamacións conxuntas ao texto.
Nun comunicado, os sindicatos consideran que a proposta de Estatuto do Goberno “non soluciona” o problema das empresas que consumen enerxía e tamén mostran serías dúbidas sobre que se vaia a provocar “un aforro real e non se engadan máis custos ao impoñer novas obrigacións”.
OS TRABALLADORES CONTINÚAN OS ACTOS REIVINDICATIVOS
O comité de Alcoa retomou este xoves en Viveiro a campaña de lazos de cor azul eléctrico coa que pretende visibilizar a situación da planta de aluminio. Os traballadores colgaron o símbolo no balcón do consistorio e en comercios e lugares concorridos da vila.
FEIJÓO SOBE O TON E FALA DE “PECHE”
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu este xoves que, se o estatuto para os grandes consumidores electrointensivos “se aproba como está”, a factoría de Alcoa en San Cibrao “pecha“, argumentou.
Fronte ás críticas de Gonzalo Caballero (PSdeG-PSOE), que o acusou de “incendiario” pola súa actitude ante o conflito –Maroto reclamoulle que non utilizase aos traballadores para “facer campaña”-, Feijóo dixo que a el “non lle pagan” para “activar” conflitos, pero tampouco para que se “rúa” ou mire “para outro lado” ante situacións como as que vive a Mariña Lucense.