InicioEconomíaSargadelos suspende os despidos e readmite a unha traballadora

Sargadelos suspende os despidos e readmite a unha traballadora

A empresa rebaixa a tensión tras coñecer que o cadro de persoal decidirá en asemblea se destitúe á sindicalista de UXT, que chama "a sentarse a falar e respectar os cauces legais"

Publicada o

- Advertisement -

Despois de que un grupo de traballadoras de Sargadelos enviase á Xefatura Territorial do Servizo de Emprego unha solicitude de asemblea do cadro de persoal co obxecto de discutir a destitución da representante da Unión Xeral de Traballadores (UXT) na fábrica, Rogelia Mariña, o conflito na fábrica de Cervo arrefriou este xoves, alomenos por un día.

O grupo empresarial suspendeu os cesamentos este xoves e mesmo readmitiu a unha das persoas despedidas desde o pasado venres, cando a dirección anunciou 49 despedimentos se non remataba a “presión sindical” que, segundo a firma, estaba a exercer a delegada sindical da UXT. O sindicato resaltou, pola súa banda, que “estamos dispostos a sentar a falar coa empresa se esta considera os cauces legais”.

o sindicato nega que a demisión de mariña sexa unha opción sobre a mesa pois “é a menos culpable de todo isto”

Logo de tramitar unha solicitude de tutela xudicial que resolverá o Xulgado do Social nº 2 de Lugo, o sindicato mantén a súa intención de “ir ata o final de continuar a situación de indefensión da nosa afiliada”, e nega que a demisión de Mariña sexa unha opción sobre a mesa. “En ningún caso, porque é a menos culpable de todos”, resaltou Eladio Quelle, secretario comarcal de UXT-FICA (Federación de Industria, Construcción e Agro) na Mariña Lucense.

O representante sindical afirma que “estamos pola vía do diálogo” e lembra que a UXT “non interpuxo ningunha demanda”. O conselleiro delegado de Sargadelos, Segismundo García, xustificou os despedimentos anunciados nas “ameazas de Mariña” de impugnar por irregularidades os contratos de 49 operarias dadas de alta no último ano e medio. Mesmo recoñeceu, nun escrito, que o grupo empresarial cometeu 262 infraccións no ámbito laboral.

15 DESPEDIMENTOS ATÉ AGORA

Desde o pasado venres, a dirección de Sargadelos despediu a un total de 15 empregadas –16 de contar a persoa readmitida-, polo que o cadro de persoal fica reducido a 76 operarias. Máis da metade, 48, asinaron o documento entregado para forzar a asemblea de traballadoras, que se celebrará previsiblemente a principios do mes de setembro. Para destituír á sindicalista, precisarase alomenos o 51% dos votos do total de asistentes á xuntanza.

sargadelos executou desde o venres 15 despidos, co que o cadro de persoal fica reducido a 76 operarias

CC OO PODERÍA GAÑAR UNHA AFILIADA

As traballadoras que impulsaron o documento para forzar a convocatoria da asemblea aseguran que “non presentarán candidata”. De ser destituída Mariña, será suplida por unha operaria afiliada a CC OO. Fontes deste sindicato reiteran que lles “falta información” para tomar medidas e que prefiren “non xudicializar o caso polo de agora”, xa que “a empresa vese forte porque ten o apoio do cadro de persoal“.

48 persoas asinaron o escrito para forzar a asemblea que decidirá sobre o cargo da delegada de uxt

“NÓS SOMOS AS AFECTADAS”

As operarias, que na súa gran maioría entraron no último ano e medio na planta, sinalan que “nós somos as que nos podemos ver afectadas” polos 49 despedimentos que anunciou García e reiteran que “non se sinten representadas” por Mariña, que foi despedida de forma improcedente no 2016 -cando boa parte do cadro de persoal non entrara a traballar– e readmitida en febreiro deste ano logo dunha sentenza xudicial. Por iso, aseguran, tentaron buscar “unha solución desde dentro” sen “ningún tipo de coacción por parte da empresa”, argumentan.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...