InicioEconomíaImpás en Sargadelos, co segundo día sen despedimentos

Impás en Sargadelos, co segundo día sen despedimentos

O BNG asegura que o conselleiro delegado chamou ao responsable local para "ofrecerlle a fábrica polo prezo que lle custou"

Publicada o

- Advertisement -

Mentres se suceden as conversacións entre os sindicatos e a dirección de Sargadelos, coa mediación da Xunta de Galicia, este martes foi o segundo día consecutivo sen despedimentos na fábrica de cerámica de Cervo. Polo de agora, a empresa executou 19 dos 49 cesamentos anunciados o venres 17 de agosto, cando o conselleiro delegado, Segismundo García, esixiu a fin da “presión sindical” e ameazou con pechar a factoría.

A representante da Unión Xeral de Traballadores (UXT), Rogelia Mariña, segue sinalada pola dirección da fábrica, que este luns impediu que se incorporase ao seu posto ao prorrogar de forma unilateral o seu permiso retribuído durante outros seis días.

A ausencia da sindicalista podería prorrogarse ao ter solicitadas as súas vacacións para o mes de setembro, mentres que a asemblea de traballadores que decidirá sobre o seu cargo está prevista para o día 11 do vindeiro mes.

O coordinador do servizo xurídico do sindicato, Pedro Blanco, sinala que “seguimos sen saber cal é a finalidade desta ameaza contra nada” do conselleiro delegado de Sargadelos, xa que, lembra, “non houbo ningunha demanda por parte da UXT ata que este señor abriu o 17 de agosto a caixa de pandora”. 

O avogado lembra “a presión” que está a padecer a representante sindical e asegura que a sentenza que obrigou a readmitir a Mariña “non é firme”, polo que a delegada volveu á factoría “de forma provisional” e “non cobrou un céntimo” dos 30.000 euros estipulados como compensación polos “danos morais” ocasionados.

A UXT mantén a solicitude da tutela xudicial “para protexer á nosa afiliada e aos traballadores”, sinala Blanco, e demandas contra a dirección da empresa e contra o conselleiro delegado. Sargadelos terá agora un prazo de cinco días para facer alegacións. O sindicato espera ter novas dos xulgados a semana que vén.

Eladio Quelle, secretario de UXT-FICA (Federación de Industria, Construción e Agro) na Mariña Lucense, nega calquera tipo de xuntanza entre o sindicato e a dirección, mentres que este medio tentou consultar, sen éxito, ao responsable comarcal de Comisións Obreiras (CC OO). 

OBREIROS DE ALCOA

A representación da UXT en Alcoa emitiu un comunicado no que defendeu o esforzo de Rogelia Mariña “ao longo de 40 anos na empresa” e destacou a a capacidade negociadora da sindicalista, ao seu xuízo demostrada durante décadas. “Se se chegaron a acordos nas negociacións é porque empresa e sindicatos estiveron sempre de acordo, e porque a UXT soubo ser flexible en épocas nas que Sargadelos non pasaba pola súa mellor época comercial, para manter as condicións dos obreiros e garantir a viabilidade da fábrica”, apuntan os operarios da planta sancibrense.

Os sindicalistas mostraron o seu “total desprezo” a quenes “machacan” á sindicalista e “compracen ao seu amo”, en alusión a García, que “dirixe esta fábrica con métodos máis propios dos séculos XVIII e XIX”.

BNG

O BNG emitiu un comunicado no que asegura que tralas críticas do partido á dirección da empresa, o conselleiro delegado, Segismundo García, realizou unha insólita chamada telefónica” ao responsable local, Diego Fernández, na cal lle ofreceu venderlle a empresa “polo mesmo prezo que lle custou”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...