Pontón mantivo este luns un encontro telemático coa plataforma coordinadora de traballadores das empresas auxiliares de Alcoa, as cales, dixo, serán as primeiras damnificadas se este paro anunciado pola multinacional se confirma. Tamén participou a deputada autonómica Olalla Rodil e a coordinadora do BNG da Mariña e alcaldesa de Barreiros Ana Ermida, entre outros representantes da formación.
CUALIFICA DE “VERGOÑENTA” A ACTIVIDADE DA EMPRESA
“Compartimos a profunda preocupación que se está vivindo na comarca, onde hai un anuncio de paro de cubas, e isto ten unha primeira consecuencia directa: medio centenar de traballadores na rúa“, sinalou Pontón, quen incidiu en que esta decisión é “responsabilidade directa” da empresa.
Así, cualificou de “vergoñento” que a decisión coa comarca sexa “paralizar unha actividade con estas consecuencias. Non nos parece admisible esta situación”, apuntou.
Con todo, instou á Xunta e ao Goberno a tomar medidas “para garantir os postos de traballo” cun plan de futuro para o persoal da empresa e a industria auxiliar.
“Xunta e Goberno deben traballar man a man para garantir que non hai despidos nin desmantelamento”, proseguiu.
“BOA ACOLLIDA” Á PETICIÓN DE RENUNCIAR ÁS HORAS EXTRAS
A coordinadora, que aglutina a representación sindical en 21 empresas auxiliares do complexo industrial fabricante de alúmina e aluminio en San Cibrao, agradeceu o interese do BNG, “o primeiro partido que se puxo en contacto con nós”, e remarcou que polo de agora “ningunha das empresas afectadas” polo recorte, principalmente Reymogasa, Cyrgasa e Rodabell, “fixeron ningunha notificación oficial aos sindicatos”. A multinacional aplicará a medida a partir do vindeiro 1 de maio, segundo expuxeron as mesmas fontes.
Queda por saber que pasará non só co medio centenar de operarios afectados directamente, senón tamén cal é a proposta das tres firmas con respecto do resto do persoal. Os traballadores temen que, dado que o contrato de cambio de cubas é fixo e supón un ingreso fundamental para as auxiliares, a medida afecte a un número de obreiros cercano ao centenar.
Por iso, a coordinadora das auxiliares instou aos obreiros a renunciar a facer horas extras, unha mostra de “solidaridade” cos compañeiros afectados sobre a que “polo de agora non podemos ofrecer datos de seguimento, pero as nosas primeiras consultas falan dunha boa acollida. Todo o mundo o comprende e os delegados están de acordo en que é necesario”, concretan desde a plataforma.
O PSOE REMARCA QUE OS RECORTES ANUNCIADOS “NON TEÑEN QUE VER COA ENERXÍA”
“Acabáronse as escusas para a Xunta e o PP”, manifestou a socialista, que criticou que durante o último ano Feijóo, o conselleiro de Industria, Francisco Conde, e os dirixentes do PP de Lugo “afrontasen os problemas de competitividade da planta con absoluta pasividade” e “escusándose en que o prezo da enerxía era competencia do Goberno” do Estado.
Otero asegurou que “todas as iniciativas anunciadas pola Xunta e o PP sostíñanse en esixencias ao Goberno central. Nin unha soa medida do PP comprometía recursos ou actuacións do Goberno de Feijóo, que é quen ten as competencias en materia de industria, tal e como recolle o artigo 30 do Estatuto de Autonomía de Galicia“.
Ademais, argumentou que ao longo de 2019 e no primeiro trimestre de 2020 “a evolución do prezo da enerxía descendeu de forma relevante” como “resultado da estratexia enerxética posta en marcha polo Goberno de España, así como polos distintos cambios no mercado enerxético”.
Otero sostén que os recortes anunciados a semana pasada refírense a “problemas de competitividade industrial” que non gardan relación co prezo da enerxía.
O PP APOIA A DEMANDA DE PARALIZAR A MEDIDA, PERO SEGUE A APUNTAR AO EXECUTIVO CENTRAL
O presidenta provincial do PP, Elena Candia, acompañada do deputado da formación conservadora no Congreso, Jaime de Olano, o senador José Manuel Barreiro, e os alcaldes de Xove e Cervo, os populares Demetrio Salgueiro e Alfonso Villares, mantiveron unha reunión telemática para abordar a situación de Alcoa.
Neste senso, dende o PP “voltamos a pedir alto e claro que o Goberno ten que actuar para darlle unha solución e, como primeira medida, pedimos que convoque xa a mesa de enerxía”, apuntan desde a formación conservadora. Os conservadores aseguran “apoiar a demanda de que a empresa paralice a medida de pechar as cubas” tanto da coordinadora das auxiliares como do comité de empresa do complexo industrial, así como a petición dunha reunión conxunta coa Xunta de Galicia “para artellar unha estratexia que axude ao mantemento da produción e dos empregos existentes”.
Desde o PP centraron as súas críticas no Executivo central, que “leva practicamente dous anos dándolle esquinazo á única planta de aluminio primario de España da que dependen 5.000 familias da comarca mariñá”. A formación conservadora anunciou tamén que defenderá unha iniciativa no pleno da Deputación no que trasladarán “as demandas do comité”.