InicioEconomíaSargadelos agarda á asemblea e UXT deixa o conflito "nas mans dos...

Sargadelos agarda á asemblea e UXT deixa o conflito “nas mans dos xuíces”

Este venres non houbo despidos na planta de Cervo, pero unha solución pactada semella lonxana

Publicada o

- Advertisement -

Este xoves non houbo despedimentos en Sargadelos e segundo fontes do cadro de persoal foi o primeiro día tranquilo de traballo tralo pasado 17 de agosto, cando o conselleiro delegado, Segismundo García, anunciou 49 despedimentos. Sen embargo, a solución ao conflito laboral que desatou a dirección cando sinalou á delegada de UXT na factoría, Rogelia Mariña, semella lonxana.

As dirección da empresa e o sindicato dan por zanxadas as conversas. O conselleiro delegado, que estará de descanso uns días, mantén o seu veto á UXT en calquera tipo de negociación e despreza as tentativas de mediación da Xunta de Galicia. García parece fiar a súa estratexia á asemblea de traballadoras que está convocada para o 11 de setembro.

Na xuntanza, o mermado cadro de persoal de Sargadelos -a día de hoxe, 72 persoas– está chamado a votar para manter ou destituír a Mariña como representante das traballadoras. A sindicalista segue na casa, cun permiso retribuído concedido unilateralmente pola empresa.

Pola súa banda, a UXT tamén descarta posibles reunións. En declaracións recollidas pola axencia Efe, Eladio Quelle, secretario de UXT-FICA (Federación de Industria, Construción e Agro) na Mariña Lucense, asegurou que “non hai ningunha novidade neste caso” e que “xa dixemos todo o que tiñamos que dicir. Que falen os xuíces ou quen teña que dicir algo”, concluíu.

Á ESPERA DO XULGADO

O sindicato segue á espera da decisión do Xulgado do Social nº 2 de Lugo, que ten sobre a mesa unha solicitude de tutela xudicial, argumentada na “indefensión” sufrida pola sindicalista da UXT e polo cadro de persoal, coa execución de 21 despedimentos dos 49 anunciados. En breve, o xuíz recibirá tamén as alegacións por parte da empresa.

A UXT espera que haxa algunha novidade neste ámbito a semana que vén, pero se o Xulgado decide non intervir en Sargadelos de forma cautelar, a solución podería alongarse máis dun mes. A situación, con todo, semella complexa.

Aínda se a asemblea destitúe a Mariña e dese xeito satisfai o desexo do conselleiro delegado, os despidos poderían ser impugnados por improcedentes. Sargadelos e o  propio García terán que afrontar cadansúa demanda, e o dirixente admite que a razón dos cesamentos non é a falta de traballo nin a situación económica da empresa, senón a súa intención de rebaixar “a presión sindical”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...