EFE. O Concello de Barreiros emitiu unha declaración institucional, grazas ao acordo “unánime” de todos os grupos da corporación municipal, de apoio “ao cadro de persoal das empresas auxiliares de Alcoa”. Un total de 43 traballadores de Cyrgasa e Reymogasa están afectados polos Expedientes Termporais de Regulación de Emprego (ERTEs) anunciados por mor da decisión da multinacional de parar a rebrascaxe das cubas.
A alcaldesa, Ana Ermida, acaba de asinar “unha declaración acordada polos tres grupos políticos” (BNG, PP e PSdeG-PSOE) na que se expresa o apoio “explícito” dese Concello mariñao ao persoal afectado polo Erte, provocado pola decisión de Alcoa de non reparar aquelas cubas que chegan ao final da súa vida útil. Ademais, o Concello de Barreiros, engade, “fai súas as reivindicacións trasladadas pola plataforma coordinadora das empresas auxiliares de Alcoa”.
Ermida explicou que esta declaración institucional prodúcese en resposta á petición desa coordinadora de aprobar acordos plenarios en todos os municipios da comarca para reclamar o mantemento da totalidade dos postos de traballo en Alcoa e nas auxiliares. “Debido a que non está prevista a realización inminente de ningún pleno en Barreiros”, precisou a alcaldesa, púxose en contacto cos portavoces dos demais grupos políticos para comunicarlles a demanda da plataforma e acordar a declaración institucional de apoio.