Co conselleiro delegado de Sargadelos, Segismundo García, de descanso, e á espera de que este martes remate o prazo do que gozan os servizos xurídicos do grupo empresarial e mailo propio dirixente para presentar alegacións contra as demandas interpostas pola Unión Xeral de Traballadores (UXT) e a súa delegada, Rogelia Mariña, este luns continuou a calma relativa na planta de Cervo, na que non houbo despedimentos.
A empresa presentará este martes as súas alegacións e o conflito laboral quedará en mans do Xulgado do Social nº 2 de Lugo, descartadas as reunións entre a dirección da firma e o sindicato. A partir de entón, o xuíz valorará se intervén de forma cautelar, coa paralización dos despidos ou co nomeamento dun administrador temporal.
De considerar que non procede facelo, o xuízo podería retrasarse ata outono e as miradas centraranse na asemblea de traballadoras prevista para o 11 de setembro, na que o único punto do día é a destitución de Mariña do seu cargo como sindicalista.
“CAMPAÑA DE DIFAMACIÓN”
En apoio da delegada sindical, a UXT-FICA (Federación de Industria, Construción e Agro) rexistrou unha recollida de sinaturas en Change.Org para que remate “a camapaña de difamación” da empresa contra Mariña, que segue apartada pola firma, cun permiso retribuído.
No texto introdutorio tamén se critica a postura do outro sindicato con representación na planta, CC. OO., que “non deu unha mínima mostra de solidaridade con Rogelia” e “conta co total apoio dunha persoa”, en alusión a García, que “dirixe a empresa pensando que vive no século XVII”. A petición, polo de agora, foi secundada por 2.148 asinantes.