InicioEconomíaReaccións: Feijóo presiona ao Goberno, que lembra "as axudas que recibiu e...

Reaccións: Feijóo presiona ao Goberno, que lembra “as axudas que recibiu e recibe” Alcoa

O BNG pide nacionalizar a planta, opción "perfectamente posible" segundo Pablo Iglesias; a Mancomunidade celebrará unha reunión de urxencia: "de aluminio comemos todos"

Publicada o

- Advertisement -

Ramón González Rey/Efe. O alcalde de de Foz e presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Francisco Cajoto, non ocultou a súa preocupación sobre o futuro da factoría de aluminio que Alcoa ten en San Cibrao, onde a multinacional anunciou unha proposta de 534 despedimentos. Por este motivo convocou aos demais rexedores da comarca a unha reunión urxente (venres, 19.30 horas) para establecer “unha fronte común” en defensa dos empregos directos e indirectos que xera esa planta industrial.

De Alcoa comemos todos“, dixo o presidente da Mancomunidade e polo tanto “non podemos prescindir dela”.

“Temos que defendela ante quen sexa, con independencia de cores políticas”, dixo o rexedor socialista, “ante o Goberno central, para que aprobe ese estatuto das empresas electrointensivas”, e ante a Xunta de Galicia “para que tamén faga os deberes dentro das competencias” que ten atribuídas no marco do Estatuto de Autonomía en materia industrial.

MAROTO RECLAMA A ALCOA QUE “RECONSIDERE” A MEDIDA

As reaccións ao anuncio da multinacional sucedéronse ao longo da mañá deste xoves.

A ministra de Industria, a socialista Reyes Maroto, atribuíu a intención de Alcoa “ao contexto actual, coa caída da demanda de aluminio primario”, e lembrou que xa “tomou decisións na Coruña e Avilés”, sen afondar na reclamación, por parte da multinacional e do comité de empresa, dun estatuto do consumidor electrointensivo que a dirixente do Goberno prometeu para “nada máis haxa Executivo” no pasado mes de outubro, nunha visita á planta sancibrense.

Maroto pediu a Alcoa que “reconsidere o despedimento colectivo” anunciado e reclámalle “corresponsabilidade” no “contexto que estamos atravesando” dadas “as moitas axudas públicas que tivo e segue tendo” a multinacional.

“O Ministerio de Industria vén demostrando desde fai dous anos o seu compromiso co mantemento do tecido industrial español -especialmente o de Galicia- a través do reforzo das axudas de CO2, o Plan REINDUS, o impulso dun Estatuto para a Industria Electrointensiva, e, a nivel europeo, o axuste fiscal en fronteira a través do ‘border tax‘”, remarcou.

FEIJÓO DI QUE “HAI MARXE DE SEMANAS” E AUMENTA A PRESIÓN SOBRE O GOBERNO

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, utilizou Twitter para amosar a súa postura. Acusou ao Goberno de “non evitar o peche” de Alcoa “malia as súas promesas” e afirmou que “segue habendo unha marxe de semanas para evitar o golpe a 500 familias, A Mariña, Lugo e Galicia”.

O dirixente do Goberno autonómico non se referiu á posibilidade de que a Xunta efectúe unha labor de mediación no conflito laboral, o que lle reclamaban os sindicatos.

CABALLERO ACUSA A FEIJÓO DE “POÑERSE DE LADO”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, atribuíu a Feijóo e á súa política industrial “poñerse de lado” e “escapar das súas responsabilidades”, deixando ao sector “descapitalizado”.

Caballero fixo fincapé en que a Xunta ten “plena competencia en materia industrial e económica” e lembrou que Feijóo “ten que deixar de utilizar os medios públicos de comunicación para dar unha versión unilateral e sesgada da realidade e facerse cargo das súas competencias.

O PP INSISTE EN QUE “O PROBLEMA É A ELECTRICIDADE”

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou este xoves que o problema da factoría de Alcoa en San Cibrao é o prezo da electricidade polo que o Goberno central debería fixar unha tarifa competitiva para os grandes consumidores e así “evitar” o peche da planta lucense.

“O problema de Alcoa é o prezo da electricidade. Está na man de Pedro Sánchez evitar o peche”, sostivo Tellado nunha conferencia de prensa telemática. O número dous dos populares galegos lamentou que se chegou unha situación “tan dramática” pese ás “numerosas advertencias” que recibiu o Executivo estatal sobre a delicada situación de aluminio a causa do alto prezo da electricidade que afrontan as industrias electrointensivas. “Levabamos meses advertindo do que podía pasar”, insistiu.

O BNG PIDE A NACIONALIZACIÓN DA FÁBRICA

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, apostou pola nacionalización de Alcoa San Cibrao “para evitar o seu peche e garantir o seu futuro”, así como o mantemento dos postos de traballo.

“Neste momento non podemos deixar caer un só posto de traballo: Xunta de Galicia e Goberno central deben facerse co accionariado da empresa“, apuntou Pontón, quen sinalou que esta proposta está “á orde do día”, tendo en conta que Italia “xa nacionalizou plantas de Alcoa” e ata Alemaña “fixo o mesmo con Lufthansa“.

Neste sentido, a líder nacionalista recordou que Alcoa “é unha empresa pública que foi privatizada” e insistiu en que esta proposta “reúne todos os requisitos desde o punto de vista legal“, xa que a amparan o Estatuto de Autonomía e a normativa europea”, polo que “é unha cuestión de vontade política“.

IGLESIAS: “AS NACIONALIZACIÓNS SON POSIBLES”

Ante esta proposta, o vicepresidente segundo do Goberno, Pablo Iglesias, asegurou este xoves que as nacionalizacións “son perfectamente posibles na Constitución Española” despois de que o BNG apuntase á posibilidade de nacionalizar Alcoa e ERC suxerise que podería ser unha “gran solución” para a Nissan.

Durante a súa segunda intervención na comisión de reconstrución do Congreso, Iglesias, que non mencionou de forma específica nin a Alcoa nin a Nissan, defendeu que “as nacionalizacións non son nin de esquerdas nin de dereitas” e considerou que, ante todo, débese velar sempre polo interese xeral.

EN COMÚN SOLICITA O RESCATE DA PLANTA

O portavoz de Galicia en Común-Anova, Antón Gómez Reino, considerou este xoves que a situación que atravesa Alcoa ante o risco de peche da planta de aluminio débese á “desidia da Xunta”.

Nun comunicado, Gómez-Reino demandou un plan de rescate de Alcoa que garanta a viabilidade da empresa, e que, en colaboración con todas as institucións públicas afectadas, “poña todos os recursos da Administración autonómica ao servizo do mantemento do emprego na factoría”.

Cs PIDE A COMPARECENCIA DE MAROTO

Beatriz Piñeiro, de Ciudadanos, pide a comparecencia de Maroto para explicar ou peche: “O Goberno ten que dar moitas explicacións. Non podemos permitir que centos de familias váianse ao paro por unha mala xestión e por non saber buscar unha solución a un problema que vén de atrás”, sinalou.

EN MAREA RECLAMA AO EXECUTIVO CENTRAL QUE “INXECTE CAPITAL”

O coportavoz de En Marea, Pancho Casal, esixiu este xoves ao Goberno central que co apoio da Unión Europea, “garanta a supervivencia da produción de aluminio primario” na fábrica de Alcoa en San CibraO.

En declaracións remitidas á prensa, Casal propuxo que o Goberno achegue “capital” á empresa nunha porcentaxe suficiente que garanta o futuro da planta ata que se supere esta situación.

TOMÉ: “SE ALUMINIO PECHA, É PROBA DE QUE ALCOA XOGOU CON NÓS”

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, asegurou que se finalmente se confirma o peche de aluminio, será “unha proba clara e palpable” de que a empresa “estivo xogando” cos traballadores e coas institucións públicas durante os últimos meses.

“Será unha proba clara e palpable de que a empresa estivo xogando connosco. É unha decisión de calado, que non se toma en catro días”, dixo Tomei, quen opina que, si finalmente chega a confirmarse, obedecerá a unha “política de interese económico“, pero tamén de interese “xeoestratéxico“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...