O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan (CC OO), cualificou na tarde deste xoves a proposta exposta pola multinacional, que pretende iniciar un proceso de despedimento colectivo na planta de aluminio cun máximo de 534 traballadores afectados, como “arbitraria e desproporcionada“.
Zan cualificou de “vergoñenta” a actitude da empresa “respecto dos traballadores, da sociedade, da Xunta de Galicia e do Goberno de España”.
“Hai unha mesa multilateral polo futuro de aluminio aberta, onde se deben tratar estes temas, e non é lugar nin o momento, polo contexto que vivimos co coronavirus, para facer estas propostas”.
A situación de estado de alarma, neste sentido, limita as posibilidades dos traballadores para presentar oposición á medida anunciada.
Zan afirmou que “non imos entrar nas cifras de Alcoa, que non aceptamos. O que imos facer é traballar, producir e subministrar aos clientes”, e se a multinacional “se quere ir”, xulgou, “que se vaia”.
O sindicalista afirmou que a nacionalización da planta de aluminio primario é “factible, é viable” e debera estar como “primeira opción enriba da mesa” para tratar de salvar a fábrica e os 534 postos de traballo directos. “A Xunta e o Goberno téñense que involucrar”, xulgou o presidente do comité.
“O Goberno ten un mecanismo que antes non tiña, que conta coa autorización da Unión Europea, e que se chama intervención de empresas en risco de crise“, argumentou.
SITUACIÓN “INSÓLITA”
Preguntado sobre se é habitual que unha empresa propoña nun “período de consultas informal”, segundo a propia multinacional, unha cifra de despedimentos, con “tres semanas” de marxe para conversar e sen iniciar un expediente de regulación de emprego (ERE), o sindicalista asegurou que a situación “é única na Historia de España, e máis sangrante nunha empresa que debera de corresponder ao compromiso dos traballadores e da Mariña Lucense“.
Neste sentido, considerou que o posicionamento de Alcoa “pode ser bastante contraproducente para os seus intereses“.
A CIG PIDE A INTERVENCIÓN DE XUNTA E ESTADO
A CIG emitiu un comunicado no que asegurou que “non vai consentir ningunha medida de axuste da produción ou do emprego na fábrica de San Cibrao e que dará toda a resposta que sexa necesaria contra calquera intento de desmantelar o complexo industrial da Mariña”, segundo o secretario xeral do sindicato, Paulo Carril.
A central nacionalista instou aos Gobernos español e galego a “non colaborar con esta lóxica destrutora de Alcoa e a intervir na salvagarda do noso tecido produtivo”.
UGT RECLAMA AO ESTADO QUE NON DEIXE CAER A PLANTA “EN MANS DE FONDOS VOITRE”
Pola súa banda, UGT reclamou “un compromiso compartido” por parte de “todas as administracións implicadas para tentar buscar unha solución a esta nova crise industrial que vai acarrear unha profunda crise para unha comarca que depende maioritariamente desta empresa, xa que Alcoa achega o 30% do PIB da provincia”.
O sindicato socialista insta ao Goberno central a que “considere a nacionalización” do complexo industrial. “O que está a pasar con Alcoa non se pode desvincular da situación que atravesa Alu Ibérica Coruña, que pertencía tamén á multinacional”. Neste sentido, esixe ao Executivo central “que non permita que os fondos voitre sexan os que se fagan co control de industrias estratéxicas para este país e especulen co seu futuro como
está a acontecer na Coruña”.