InicioEconomíaComité e Goberno emprazan a Alcoa a dicir na mesa multilateral "se...

Comité e Goberno emprazan a Alcoa a dicir na mesa multilateral “se quere seguir na Mariña ou non”

Os sindicatos piden á veciñanza da bisbarra que acompañe vestida de negro unha manifestación o vindeiro domingo en Viveiro

Publicada o

- Advertisement -

O comité de Alcoa San Cibrao convocou unha manifestación para o vindeiro domingo, 7 de xuño, en Viveiro, que pretende “visibilizar a problemática focalizada na Mariña Lucense” tralo anuncio da multinacional de que pretende iniciar un despedimento colectivo con ata 534 traballadores afectados na planta de aluminio.

A marcha partirá ás 11.30 horas desde a Cruz Vermella á Praza de Pastor Díaz, e os sindicatos solicitan á veciñanza da Mariña Lucense que acompañe a mobilización vestida de negro, “simbolizando o loito na que quedaría sumida a comarca de pechar a factoría”. O comité, ante a probable asistencia de crianzas, pide que “non se utilice material pirotécnico“.

Os sindicatos agradeceron “a implicación” dos traballadores das plantas de alúmina e aluminio e tamén aos das empresas auxiliares –onde o recorte produtivo podería supoñer o despedimento doutras 400 persoas– na protesta do pasado martes.

Respecto da reunión co secretario xeral de Industria, Raül Blanco, o comité asegurou que se chegou “a un acordo para convocar a mesa multilateral de Alcoa San Cibrao”, para “buscar unha solución a esta problemática entre todas as Administracións”, cunha data que o Executivo central anunciará “proximamente”, segundo o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan.

O XOVES, REUNIÓN COA EMPRESA EN LUGO

Zan expón que nesta mesa emprazarase a Alcoa a que “diga claramente se quere seguir ou non” en San Cibrao, para en función da resposta “buscar unha saída”. Os traballadores reuniranse o vindeiro xoves en Lugo coa dirección da multinacional, esperándose a presenza na xuntanza do presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado. Ante a posibilidade de que os obreiros se desprazasen á capital lucense para realizar algún acto de protesta, o comité pida “que non se asista a Lugo”, poñendo “todos os esforzos” no acto reivindicativo de Viveiro.

CABALLERO RECLAMA “UNHA ALIANZA SOCIAL” POLO ALUMINIO

Os obreiros mantiveron tamén unha xuntanza co secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, coa presenza de alcaldes socialistas da Mariña Lucense, como María Loureiro (Viveiro) e Fran Cajoto (Foz), ademais da secretaria provincial da formación en Lugo, Patricia Otero, e o secretario de Organización do partido, José Antonio Quiroga.

Caballero reclamou o peche “dunha gran alianza social” que inclúa ao Goberno e á Xunta de Galicia á beira dos traballadores para defender o emprego e a actividade industrial na planta da Mariña. “É necesario avanzar naquelas medidas que eviten parar as cubas e gañar tempo para dar unha solución estable”, considerou.

Visita de Gonzalo Caballero á Mariña. AXM

“A implicación de Feijóo foi nula á hora de defender o emprego en San Cibrao, ten que deixar de ser un mero observador e responsabilizarse das competencias que lle dá o Estatuto de Autonomía en materia económica e industrial”, manifestou.

Neste sentido, acusou ao presidente da Xunta de “alardear da súa sintonía co director de Alcoa España”, unha “amizade” que, na súa opinión, “non serve de nada aos traballadores da empresa en Lugo”.

Caballero considerou, finalmente, que o “Goberno debe contemplar aquelas formas de intervención posibles que sexan legal e economicamente viables para gañar tempo e evitar a paralización das cubas na única factoría de España que produce aluminio”, entre elas “o fondo de garantías para empresas electrointensivas que garanta os avais para as PPA, tan importantes para as contratacións bilaterais” ou “o estatuto das electrointensivas“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...