InicioEconomía"Queremos que o domingo sexa a manifestación das familias, que se vexa...

“Queremos que o domingo sexa a manifestación das familias, que se vexa o que aluminio é para A Mariña”

O comité pide apoio para a marcha de Viveiro, antes dunha semana na que haberá xuntanzas con partidos, Administracións e coa dirección de Alcoa

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao prepara a mobilización do vindeiro domingo en Viveiro, que espera sexa “a manifestación das familias” e da visibilización do impacto que podería ter na Mariña Lucense o despedimento colectivo que planea a multinacional na planta de aluminio, con ata 534 traballadores afectados na factoría e outros 400 obreiros de empresas auxiliares.

Nunha asemblea celebrada este venres na entrada do complexo industrial de Cervo, o comité informou aos traballadores sobre a convocatoria e tamén sobre as reunións mantidas tanto coa multinacional como co secretario xeral de Industria e Peme, Raül Blanco.

SIMBOLIZAR O “LOITO POLA COMARCA” DE DARSE UN PECHE

A marcha, que os sindicatos esperan que sexa unha nova demostración de forza tralas citas multitudinarias de Ribadeo e San Cibrao, partirá da Cruz Vermella, ás 11.30 horas, desde onde se avanzará pola variante cara a Praza de Pastor Díaz.

“Queremos que todos os traballadores vaian vestidos de ‘alcoanos‘, para que se vexa cantos somos, e que as familias vistan de negro para simbolizar o loito no que podería sumirse A Mariña de pechar a fábrica”, indicaron os sindicatos, que pediron que non haxa pirotecnia para favorecer a tranquilidade dos nenos.

PIDEN QUE TRANSICIÓN ECOLÓXICA ESTEA NA MESA

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, chamou á poboación da Mariña Lucense a manifestarse en Viveiro “porque a única saída ao conflito é a loita para que os políticos nos dean unha solución a este lío, porque as multinacionais veñen e van pero quen nos ten que dar a solución e un futuro son as Administracións”. Deste xeito, requeriu a presenza do Ministerio de Transición Ecolóxica, ademais do de Industria, na mesa multisectorial que se celebrará o vindeiro martes, a “cita máis importante” da folla de ruta dos sindicatos.

Que pedirán na mesa? “Que Goberno e Xunta vaian da man e se poñan de acordo. A solución pasa por esa negociación entre todos e por un marco enerxético competitivo para o aluminio. A Xunta ten a responsabilidade de fomentar a industria e o Goberno de marcar un prezo da luz que a favoreza”, expuxeron os delegados sindicais de CC OO, CIG e UGT ao persoal que asistiu á asemblea.

“ALCOA VEU FALAR DO SEU LIBRO, PERO NON ACEPTAREMOS NADA QUE NON SEXA MANTER AO 100% A ACTIVIDADE”

Neste sentido, valoraron que os representantes de Industria dixeran “si, de forma clara“, á pregunta de se o Goberno quere a continuidade do aluminio na Mariña Lucense. “Á empresa convidámola a dicir o mesmo na mesa multisectorial, e cremos que debera ter máis vontade de diálogo, porque o único que fixo agora é poñer un ERE enriba da mesa”, afirmou Zan. Preguntado sobre se Alcoa realizou algunha outra oferta que non fose o despedimento colectivo anunciado, Zan asegurou que “sobre calquera outra opción que non sexa a continuidade do emprego e da planta non imos falar“.

“SEN ELECTRÓLISE NON HAI SAÍDA, É O CORAZÓN DO COMPLEXO”

“O que tratou Alcoa, ata agora, é de falar do seu libro e nós queremos falar do noso, que pasa por manter os postos de traballo ao 100% e a industria activa tamén. Non serviría de nada ter traballo durante dous anos para que isto peche. A electrólise é o corazón da nosa fábrica e sen ela non haberá complexo. Como é posible que se nos declarase esenciais durante a emerxencia do Covid-19, poñendo en risco os traballadores a súa saúde por ir traballar, e que nos vaian parar agora?”, indica o sindicalista.

O luns, os sindicatos manterán xuntanzas con Galicia-En Común e co BNG, na que se agarda a presenza de Ana Pontón, segundo avanzou Zan, que confirmou que trala reunión da mesa multisectorial -martes, 18.30 horas-, o mércores dirección de Alcoa e comité volveranse entrevistar, coa intención dos obreiros de que retire o despedimento colectivo.

CC OO PIDE UNHA INTERVENCIÓN DO GOBERNO “AO MÁIS ALTO NIVEL”

O sindicato Comisións Obreiras (CC OO) solicitou publicamente a intervención do Goberno “ao máis alto nivel” para que a multinacional Alcoa “desista na mesa multilateral” convocada para o vindeiro martes de seguir adiante co anunciado despedimento de 534 traballadores.

O sindicato pide a intervención do Goberno “para que se garanta a produción de aluminio no noso país” e o mantemento dos postos de traballo en San Cibrao. O secretario xeral de CCOO en Galicia, Ramón Sarmiento, participou nunha reunión por videoconferencia co presidente do comité de empresa antes da asemblea de persoal.

Sarmiento lembra que é “inviable parar as cubas de electrólise en San Cibrao, dado que o proceso para volver poñelas a funcionar sería lento e caro”, polo que o sindicato considera necesario “iniciar un proceso para asegurar o presente e o futuro da produción de aluminio no noso país, con ou sen” a multinacional norteamericana.

O propio secretario xeral do sindicato a nivel estatal, Unai Sordo, convidou a participar na manifestación do domingo a través dun vídeo.

O CONCELLO DE VIVEIRO CHAMA A PARTICIPAR

O Concello de Viveiro tamén pediu a participación. “Consideramos que o domingo todos e todas debemos saír de novo a rúa para defender o futuro de Alcoa e das empresas auxiliares. Agardamos que a resposta da cidadanía sexa masiva e que as rúas de Viveiro sirvan de exemplo do sentir popular, pois o futuro de Alcoa preocupa e afecta a todos e todas”, sostén a alcaldesa, María Loureiro.

O goberno lcoal realiza un chamamento para que todas as Administracións competentes realicen cantas accións sexan posibles para solucionar este problema porque “Alcoa, que é o eixe esencial do tecido económico da zona, non pode pechar”.

PROTESTA EN XOVE

Antes, o sábado, o comercio de Xove chama a unha marcha polo futuro da planta de aluminio, a partir das 13.00 horas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...