InicioEconomíaO apoio da Mariña "sobrepasou" ao comité de Alcoa, que agarda que...

O apoio da Mariña “sobrepasou” ao comité de Alcoa, que agarda que a mesa sexa “o principio da solución”

Os sindicatos insisten en reclamar a intervención para salvar o emprego e instan a Xunta e Goberno a traballar da man a partir da reunión deste martes

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao valorou este luns, despois de manter unha xuntanza coa voceira nacional e candidata do BNG, Ana Pontón, a multitudinaria manifestación do pasado domingo en Viveiro, que congregou a entre 17.000 e 25.000 persoas -segundo a versión da Policía Local ou dos sindicatos-, e tamén expuxo as súas expectativas sobre a mesa multilateral que se celebrará o vindeiro martes na Coruña, coa presenza do Goberno central, a Xunta de Galicia, a representación sindical do persoal e a dirección da multinacional.

“A mobilización foi espectacular. Temos que darlle as grazas a veciños, comerciantes, autónomos… Foi unha mágoa que non poidese entrar todo o mundo na praza, quedaron máis da metade das persoas fóra por motivos de seguridade. Sobrepasou todas as nosas expectativas”, resumiu o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, sobre a marcha do pasado domingo.

Preguntado sobre a mesa multisectorial do martes, o sindicalista afirmou que “mañá é un día moi importante”, aínda que dubidou de que se poida concretar unha solución definitiva para a planta de aluminio, na que Alcoa anunciou un despedimento colectivo que afectaría a 534 traballadores e a outros arredor de 450 obreiros de empresas auxiliares.

“Será un dos moitos días importantes que viviremos neste alomenos mes e pico que nos queda por diante. Non cremos que se arranxe a curto prazo, pois fai falta vontade política e medidas claras“, indicou Zan, que insistiu en que o Goberno central “debe intervir esta empresa, e que sexa de acordo coa Xunta de Galicia, pois ambas Administracións deben poñer cada unha o seu o seu gran de area para solucionar este problema”, xulgou.

“DÁNOS IGUAL INTERVENCIÓN OU VENDA MENTRES SE MANTEÑA O EMPREGO”

“Dános igual se é unha intervención ou unha venda, o que queremos é manter o 100% dos postos de traballo”, aclarou Zan, que reiterou a necesidade “de recuperar aos compañeiros que temos na casa, de ETTs e empresas auxiliares econtratistas”. 

O sindicalista lembrou tamén que “hai 37 cubas” de electrólise “que están paradas” e recuperar o 100% da produtividade pasa “por unha tarifa eléctrica que nos permita competir con Europa, condicionada a plans de viabilidade que non se poden esixir unicamente aos que montan fábricas, senón tamén aos que xa as teñen”, argumentou.

OS SINDICATOS AGARDAN A PRESENZA DE TRANSICIÓN ECOLÓXICA

Respecto á cita deste martes, Zan confirmou a presencia do secretario xeral de Industria, Raül Blanco, e agardou que como pide o comité “haxa alguén de peso do Ministerio de Transición Ecolóxica. Pode ser o principio dalgo importante se se fai o que está a pedir o comité de empresa, que todos remen e non se tiren as pedras do tellado os uns aos outros, porque á fin se todo segue así quenes imos quedar sen lousado somos os traballadores“, advertiu.

“Temos claro que a solución para esta planta pasa porque Xunta e Goberno se mollen. Hai que darse conta que fomos recoñecidos como esenciais, nós producimos o 20% do aluminio primario que se consome en España e non podemos depender de importalo de países como Arabia Saudí, Noruega ou Brasil“, razoou.

Por outra banda, Alcoa e comité reuniranse o mércores, noutro encontro do período de consultas informal aberto pola multinacional.

CEN EMPREGOS MENOS NAS AUXILIARES

Respecto ás empresas auxiliares, o voceiro da coordinadora que aglutina a representación sindical, Quique Rocha, expuxo que “a empresa debe recibir ao 50% do persoal desta planta”, petición que se realizará na mesa multisectorial do vindeiro martes. “Sentímonos desamparados social e xuridicamente”, afirmou.

Un total de 45 obreiros de Cyrgasa e Reymogasa viron os seus contratos suspendidos ao renunciar Alcoa á rebrascaxe de cubas, e outros 50 traballadores foron despedidos ou non se lles renovou o contrato.

ALCOA LEMBRA QUE O GOBERNO “É COÑECEDOR” DA SITUACIÓN DA PLANTA

Preguntadas polas expectativas ante a reunión da mesa, fontes de Alcoa aseguraron ao Xornal da Mariña que a multinacional está “centrada” no período de consultas informal do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) anunciado aos traballadores. As mesmas fontes aseguraron que a empresa “explicará unha vez máis a situación na que está e as causas desta tesitura”, facendo fincapé en que “o Goberno é coñecedor do que ocorre porque levamos un ano e medio en comunicación permanente sobre este tema”.

Sobre o encontro do mércores, Alcoa subliña que se trata dunha xuntanza “informativa” na que tamén se estudarán “alternativas” ao despedimento colectivo anunciado, aínda que non concreta cales.

A XUNTA PIDE AXUDAS PARA A EMPRESA, QUE EVITA PRONUNCIARSE

Aínda cando Alcoa evita pronunciarse, quen semella alzarse como a voz da empresa é a Xunta de Galicia. Mentres que Pedro Sánchez anunciou que busca “investidores” para aluminio e o comité ve “pouca vontade de diálogo” na multinacional, o conselleiro de Industria, Francisco Conde, continuou a liña do Goberno autonómico de responsabilizar en exclusiva ao Executivo estatal e de aliñarse coa compañía. Así, afirmou que “hai marxe” para negociar coa multinacional para que retire o despedimento colectivo, condicionando esta posibilidade á aprobación dun estatuto das electrointensivas coas alegacións presentadas, á convocatoria dunha nova poxa de interrompibilidade con condicións máis vantaxosas para a industria gran consumidora de enerxía, e á aprobación dun plan de investimentos específico para a empresa.

O comité ía manter tamén este luns unha xuntanza con Antón Gómez-Reino, candidato de Galicia en Común aos comicios autonómicos do 12 de xullo, finalmente aprazada.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...