O Xulgado do Social nº 2 de Lugo desestimou a solicitude interposta pola Unión Xeral de Traballadores, que pediu a paralización dos despedimentos na fábrica de Sargadelos de Cervo e o cese dos “ataques directos ou indirectos” contra a súa delegada na fábrica, Rogelia Mariña.
O xuíz, Fernando López-Guitián, non aprecia razóns suficientes para intervir de forma cautelar no conflito laboral da empresa, tal e como pedía o sindicato.
DESPEDIMENTOS
No tocante á solicitude de paralización dos despedimentos, o maxistrado considera que o documento exposto polo sindicato -no que o conselleiro delegado, Segismundo García, expresa a súa vontade de prescindir de 49 empregados– “non vulnera ningún dereito fundamental da liberdade sindical“.
“ATAQUES” Á SINDICALISTA
O xuíz argumenta que, respecto á petición do cese dos ataques directos ou indirectos á representante sindical, “esta pretensión exercítase de forma tan abstracta e xenérica que de dictarse podería implicar unha vulneración do dereito á liberdade de expresión“.
O auto tamén se refire á recollida de sinaturas do persoal contra Mariña. Sostén que o documento “sinala sen máis a intención dos traballadores de revocar á súa representación aquí codemandante, o que é obvio que non pode ser impedido a través dunha medida cautelar”.
PERMISO RETRIBUÍDO
Respecto da solicitude da demandante de deixar sen efecto a comunicación remitida á traballadora o 21 de agosto de 2018, pola que se lle concedeu un permiso retribuído, o auto sinala que “ningunha razón tería adoptar esta medida cautelar unha vez concedido o permiso, sen que, en todo caso, conste oposición ao mesmo por parte da operaria, así como que na súa adopción ningunha urxencia existe para asegurar a efectividade da sentenza que no seu día se dite”.
Así, unha intervención inmediata do Xulgado no conflito laboral queda descartada. O xuízo polas demandas da UXT e Mariña contra Sargadelos e García está convocado para o 21 de outubro.
A sindicalista e maila UXT poderán presentar recurso de reposición, cun prazo de tres días desde a notificación do auto.
BALSEIRO ESPERA “UN ACORDO”
O auto reforza a posición da dirección de Sargadelos nas negociacións previstas para este martes á tarde en Santiago de Compostela. O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, sinala que “o único que pode facer o Goberno galego é mediar, xa que non se trata dunha empresa pública”, e agarda que haxa “diálogo e un acordo” para unha fábrica que é “cultura e riqueza e representa o que é a nosa comunidade dentro e fóra de España“.