InicioEconomíaO Xulgado desestima a tutela solicitada por UXT en Sargadelos

O Xulgado desestima a tutela solicitada por UXT en Sargadelos

O xuíz considera que non se dan os requisitos para intervir cautelarmente no conflito laboral

Publicada o

- Advertisement -

O Xulgado do Social nº 2 de Lugo desestimou a solicitude interposta pola Unión Xeral de Traballadores, que pediu a paralización dos despedimentos na fábrica de Sargadelos de Cervo e o cese dos “ataques directos ou indirectos” contra a súa delegada na fábrica, Rogelia Mariña.

O xuíz, Fernando López-Guitián, non aprecia razóns suficientes para intervir de forma cautelar no conflito laboral da empresa, tal e como pedía o sindicato.

DESPEDIMENTOS

No tocante á solicitude de paralización dos despedimentos, o maxistrado considera que o documento exposto polo sindicato -no que o conselleiro delegado, Segismundo García, expresa a súa vontade de prescindir de 49 empregados– “non vulnera ningún dereito fundamental da liberdade sindical“.

“ATAQUES” Á SINDICALISTA

O xuíz argumenta que, respecto á petición do cese dos ataques directos ou indirectos á representante sindical, “esta pretensión exercítase de forma tan abstracta e xenérica que de dictarse podería implicar unha vulneración do dereito á liberdade de expresión“.

O auto tamén se refire á recollida de sinaturas do persoal contra Mariña. Sostén que o documento “sinala sen máis a intención dos traballadores de revocar á súa representación aquí codemandante, o que é obvio que non pode ser impedido a través dunha medida cautelar”.

PERMISO RETRIBUÍDO

Respecto da solicitude da demandante de deixar sen efecto a comunicación remitida á traballadora o 21 de agosto de 2018, pola que se lle concedeu un permiso retribuído, o auto sinala que “ningunha razón tería adoptar esta medida cautelar unha vez concedido o permiso, sen que, en todo caso, conste oposición ao mesmo por parte da operaria, así como que na súa adopción ningunha urxencia existe para asegurar a efectividade da sentenza que no seu día se dite”.

Así, unha intervención inmediata do Xulgado no conflito laboral queda descartada. O xuízo polas demandas da UXT e Mariña contra Sargadelos e García está convocado para o 21 de outubro.

A sindicalista e maila UXT poderán presentar recurso de reposición, cun prazo de tres días desde a notificación do auto.

BALSEIRO ESPERA “UN ACORDO”

O auto reforza a posición da dirección de Sargadelos nas negociacións previstas para este martes á tarde en Santiago de Compostela. O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, sinala que “o único que pode facer o Goberno galego é mediar, xa que non se trata dunha empresa pública”, e agarda que haxa “diálogo e un acordo” para unha fábrica que é “cultura e riqueza e representa o que é a nosa comunidade dentro e fóra de España“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...