Ramón González Rey/axencias. A ministra de Industria, Reyes Maroto, insistiu este martes na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros que o conflito laboral da planta de aluminio de Alcoa, onde a multinacional anunciou que pretende un despedimento colectivo con ata 534 traballadores afectados -máis outros alomenos 400 de empresas auxiliares-, ten que ver “cun problema de sobrecapacidade” a raíz do Covid-19 e coa “falta de investimentos” por parte da compañía en San Cibrao. Deste xeito, reiterou que é a firma quen debe “aclararse” sobre se quere continuar a actividade na Mariña Lucense.
Maroto, que afirmou a “solidaridade” do Goberno central cos traballadores, argumentou que o Executivo central “implicouse sempre” por unha “solución de continuidade” para a planta de aluminio, “a fin de garantizar a actividade e o emprego”. A ministra chamou a manter “a unidade de acción” para que sexa Alcoa a que “clarifique se ten un proxecto industrial”, unha reivindicación “de toda a mesa de seguimento. Se mantén” o despedimento colectivo, “que rexeitamos, pedímoslle que deixe paso”, salientou.
Respecto do prezo da enerxía, Maroto negou que haxa “un problema nestes momentos, como consecuencia da crise do Covid-19”, e atribuíu a situación de aluminio “á sobrecapacidade e sobre todo á falta de investimentos”.
600 MILLÓNS EN TRES ANOS
Sobre o Fondo de Garantías anunciado para as empresas electrointensivas, que favorecerá con 200 millóns de euros anuais o aval de contratos bilaterais -entre renovables e compañías- de subministro de enerxía, a ministra asegurou que se aprobará finalmente “o día 23, no vindeiro Consello de Ministros”, o que permitirá, manifestou, “dar curso ao estatuto, que poderá estar nas vindeiras semanas aprobado”.
O Fondo de Reserva de Garantía para que consumidores electrointensivos subscriban contratos de compravenda de enerxía a medio e longo prazo estará dotado con 600 millóns de euros nos seus primeiros tres anos de vida. A partir do cuarto exercicio, a súa contía determinarase nos Orzamentos Xerais do Estado (PGE).
Desde entón, os PGE determinarán cada exercicio as cantidades máximas a cubrir e as ampliacións que se fagan do fondo.
Este fondo é unha das medidas de apoio ás empresas industriais con gran consumo de electricidade recollidas no borrador do estatuto do consumidor electrointensivo e a súa finalidade é regular a cobertura por conta do Estado dos riscos que adquiran estas firmas nas operacións de compra de enerxía a medio e longo prazo.
OS OBREIROS RECLAMAN Á XUNTA UN ACORDO CO ESTADO
Este martes, o comité de empresa de Alcoa San Cibrao mantivo unha reunión ao mediodía na Cidade de Cultura co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
En declaracións aos medios antes do inicio da reunión, o portavoz de UGT en Alcoa San Cibrao, Tino Arias, chamou á Xunta a que se poña de acordo co Goberno e dean unha solución. E que se deixen xa de bailar dun lado para outro, xa está ben”, queixouse.
A entrevista chega antes de que o xoves expiren as tres semanas de prazo posto pola empresa para encontros informais cos traballadores antes de iniciar o período formal de negociación do despedimento colectivo.
O vindeiro mércores, 17 de xuño, os sindicatos teñen prevista unha reunión coa dirección da empresa a partir das 9.30 nun restaurante de Lugo, á que seguirá outro encontro o xoves, polo que “haberá que esperar” o que comunique a dirección de Alcoa. “Oficialmente, sería o xoves cando acaban as tres semanas que nos deron, pero non sabemos se teñen pensado amplialo”, explicou o delegado da UGT.
PIDEN A INTERVENCIÓN
“Pedimos unha intervención temporal para que veña algún tipo de empresa e poida comprarnos, porque non sabemos que outro tipo de solución imos ter”, indicou.
Respecto diso, Arias lembra que “ata agora” a empresa negouse á venda. “Non sabemos se iso é unha estratexia ou non, iso verase nos seguintes días”, agregou.
“Estannos comentando que hai varias empresas interesadas, pero non sabemos ata que punto nin quen son”, nunha cuestión que reduce a “rumores”. Sobre a mesa multilateral co Goberno central, Alcoa, a Xunta e os sindicatos, o Executivo estatal non respondeu aínda á petición dos traballadores.
Relata que “os ánimos están bastante mal, a xente está moi nerviosa, porque ao final esta incerteza é mala para todos”, criticou.
“Levamos xa desde hai nove anos que temos este problema, levamos dicindo que temos un problema de enerxía, que xa é moi reiterativo; e que nos poñan unha solución enriba da mesa esta vez”, apuntou.
PONTÓN: “SE FEIJÓO NON SE COMPROMETE COA NACIONALIZACIÓN DEIXARÁ TIRADOS AOS OBREIROS”
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, advertira tamén con anterioridade á xuntanza de que a Xunta e Feijóo deben “comprometerse” coa “nacionalización” de Alcoa para salvar os postos de traballo, e dixo que se da reunión non sae este compromiso, deixaría “tirados” aos traballadores.
Pontón censurou que nos 19 días que pasaron desde que a multinacional anunciou o despedimento de 534 traballadores Feijóo “non atopou oco para ir ata A Mariña“. Por iso, incidiu en que se da reunión “non sae un compromiso firme” para dar unha solución aos traballadores, será “só fume, fume e fume”.
“Se hoxe Feijóo só vai facer unha crítica ao que non fan os demais, o que nos demostra o candidato do PP é que non ten ningún proxecto nin ningunha medida para salvar o emprego”, advertiu.
LOSADA: “DESVIAR A MIRADA DE ALCOA É PERMITIRLLE QUITALA DO CONFLITO LABORAL”
Pola súa banda, o delegado do Goberno central, Javier Losada, pediu “non desviar a mirada”, porque “o responsable do que ocorre en Alcoa é a empresa; á compañía é a quen lle temos que esixir un proxecto industrial, que sente e diga que se non quere continuar a actividade en San Cibrao, permitirá outras solucións”.
Losada asegurou que, “nesas solucións”, os traballadores “terán ao Goberno de España ao seu lado”. Todo o que non sexa requerir a Alcoa que diga se quere manter a produción na Mariña Lucense “é facerlle o favor á multinacional é quitala do conflito“.
O delegado do Goberno afirmou que, dada a actitude de Alcoa, ten “a dúbida” de que “queira crear un conflito social”. Losada finalizou lembrando os 630 millóns de euros ofrecidos polo Goberno central á empresa en materia de axudas desde 2011, polo que pediu á multinacional “que cumpra cos veciños de San Cibrao” e a Feijóo “que deixe de poñer paus nas rodas” e pida á compañía “que acorde un futuro industrial” para A Mariña.