EFE. O comité de empresa do complexo industrial de Alcoa en San Cibrao lamentou a actitude da dirección multinacional e a súa “falta de vontade” á hora de buscar “solucións” que garantan a viabilidade da produción de aluminio primario na planta e, en consecuencia, do mantemento dos postos de traballo.
Alcoa anunciou este mércores que iniciará o 25 de xuño un proceso formal de despedimento colectivo na planta de aluminio, que afectaría a ata 534 obreiros directos afectados e a alomenos outros 400 operarios de empresas auxiliares.
Nun breve comunicado, emitido trala reunión que tivo lugar esta mañá coa dirección de Alcoa na cidade de Lugo, o comité asegura que a multinacional abriu “un proceso informal” de consultas cos representantes do persoal “coa decisión xa tomada sobre o futuro dos traballadores”.
“A maior proba é que non esperaron” á reunión da “mesa multilateral convocada para o 23 de xuño” e “anunciaron oficialmente o inicio do proceso de ERE”, engadiu.
De feito, o comité tamén lamentou as formas da propia dirección de Alcoa, que anunciou esa decisión aos traballadores mediante unha mensaxe a todo o persoal, antes de que rematase a reunión cos seus representantes e “sen ter nin sequera asinado o recibo o comité “.
A pesar desta situación, o comité insiste en que “a única saída é a implicación das Administracións e a loita na rúa”.