InicioEconomíaÁlvarez urxe ao Estado a declarar o aluminio como sector estratéxico contra...

Álvarez urxe ao Estado a declarar o aluminio como sector estratéxico contra a “indignidade” de Alcoa

O líder da UGT afirma en Viveiro que o Goberno tería "sinxelo" atopar "socios" porque a produción "ten mercado"; ve "mala fe" nun ERE "inxustificable" en plena crise socieconómica

Publicada o

- Advertisement -

O secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez, fixo un chamamento este luns desde Viveiro para que o Goberno do Estado sexa “valente” e declare sector estratéxico ao aluminio primario para garantir a mantención da produción e dos postos de traballo en Alcoa San Cibrao, onde a multinacional presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que afectaría a 534 traballadores da planta e outros 400 de empresas auxiliares, unha medida que, tendo en conta o contexto no que se produce, o sindicalista cualificou de “indignidade” e “golfería“.

ESTE LUNS, MANIFESTACIÓN

Álvarez cargou contra a multinacional, a “primeira responsable” da situación e a quen a opinión pública española “non vai perdoar” a “desvergoña” de utilizar unha situación de mercado “que é hoxe, que non foi onte e que non vai ser mañá” para tratar de “coar pola porta de atrás” un peche. O secretario xeral da UGT ofreceu unha rolda de prensa como previa da manifestación que se celebrará este luns en Burela para reivindicar un futuro para A Mariña Lucense.

A situación de aluminio, cuxo período de consultas do ERE iniciarase o vindeiro xoves, 25 de xuño, foi o desencadeante da cita, que convocan os tres grandes sindicatos a nivel galego: CIG, UGT e CC OO.

Na sé local do seu sindicato, Álvarez lembrou que os movementos no caso de Alcoa veñen de atrás, ao aludir ao momento en que se desprendeu das súas fábricas da Coruña e Avilés (Asturias), e no que respecta a Nissan, tamén “parece que estaba dentro dos seus plans estratéxicos“.

RÉNDESE AO APOIO SOCIAL: “HAI MOITOS ANOS QUE NON SE VE UNHA SOLIDARIDADE TAN GRANDE”

Diante desta situación, a resposta social é tal que dixo ter a sensación de que fai moitos anos que non se ve “unha solidariedade tan grande” cos empregados dunhas empresas “como hai neste momento”.

 

O que ocorre parécelle, sen andrómenas, “unha indignidade, unha golfería. As multinacionais é verdade que non teñen alma” ao actuar movidas polo diñeiro, recoñeceu, pero “aproveitar estes momentos tan duros no planeta” non era o esperable. “Tanta indignidade non se viu moitas veces no noso país”, remarcou.

“Aproveitar os datos económicos para intentar xustificar o que non é xustificable raia a mala fe“, destacou en varias ocasións durante a súa intervención ante a prensa, para a que quixo ter recoñecemento, pois “é de agradecer que en plena pandemia esteades hoxe aquí informando”.

Álvarez resaltou que o prezo da enerxía nunca estivo tan barato e “iso demostra ata que punto hai mala fe”, coas “consecuencias de carácter penal” que poderían derivarse dese proceder.

RECLAMA ÁS ADMINISTRACIÓNS “VALENTÍA” E MENOS “SOLIDARIDADE”

Álvarez confesou estar “un pouco farto” de que as Administracións só transmitan a mensaxe de “solidariedade” cos empregados, ao entender que os que teñen tarefas executivas teñen que facer “algo máis”.

“Non queremos máis bágoas, estamos a tempo de non chorar”, dixo, e reclamou que o Estado declare o aluminio como un sector estratéxico. “En España necesitamos un goberno valente”, afondou, que “protexa aos cidadáns preservando aqueles sectores que son esenciais”.

Que aprobe, tamén, o estatuto para a industria electrointensiva e hiperelectrointensiva, como o caso de Alcoa, continuou, e criticou que “hai ano e medio tiñámolo a punto de caramelo e na actualidade continúa nun caixón”.

“España necesita que se aprobe. Non se lle pode dar ningún tipo de escusa ás empresas”, subliñou, aínda que insistiu en que o prezo da enerxía nunca estivo tan barato.

“Imos deixarnos a pel”, anunciou, e desvelou que hai alternativas encima da mesa e a “nai” de todas elas é a declaración de sector estratéxico, trala cal “sería sinxelo atopar socios” porque “Alcoa non é unha empresa deficitaria, non é verdade, e ten mercado“.

Se Alcoa pecha, resentiranse o comercio, a restauración e a actividade turística, pese a ser a Mariña un destino privilexiado, asegurou Álvarez, dado que esa falta “non se suple con catro turistas máis, nin con catrocentos, nin con catro mil”.

CARGA CONTRA A REFORMA LABORAL: A LEXISLACIÓN “É LETAL” NESTES CASOS

O sindicalista cualificou de “atraco” o que está acontecendo e cargou duramente contra a “lexislación tan laxa” e tan “pro empresa” que hai en España e que é un dos “elementos letais” para a clase traballadora e a resolución deste tipo de conflitos laborais.

“O Estado ten que declarar este e outros sectores estratéxicos”, demandou con insistencia, e puxo o exemplo de que non hai en todo o territorio nacional unha soa compañía que fabrique alcol, algo que saíu a relucir nesta pandemia, e “cando vén unha mal dada”, como pasou, “no mercado internacional lévao o que paga máis; é como un bazar“.

A necesidade de “uso de aluminio”, afirmou unha vez feita esta observación, vai ir crecendo; xa sen ir máis lonxe “os coches eléctricos van levar máis aluminio”.

Non quere Álvarez chegar ao momento de ter que impugnar o ERE unha vez formalizado, pois “a mala fe é un elemento previo de impugnación. Cando deixe a fábrica de funcionar, volver poñela en marcha é outra historia; por iso hai que actuar antes de que se aprobe o ERE”, razoou.

A TAXA DE DESEMPREGO AUMENTOU NA MARIÑA UN 22,35% NUNHA DÉCADA

O líder de UGT Galicia, José Antonio Gómez, pediu “sentidiño” a Xunta de Galicia, ao Goberno e a Alcoa e destacou que o aluminio é “un sector estratéxico para calquera país”.

“Estamos pasando por unha pandemia. Non parece lóxico que unha multinacional como Alcoa suscite neste contexto o peche da fábrica ou a súa deslocalización“, manifestou.

Nunha rolda de prensa na que tamén participaron Alberto VillaltaJavier Carreiro, de UGT FICA, Gómez repasou con cifras a situación socioeconómica da Mariña Lucense. A taxa do desemprego aumentou na bisbarra nun 22,35% na última década, por riba da media galega. No tocante á afiliación á seguridade social, a caída foi do 20% no sector agrario, do 20% na construción, dun 14% na actividade industrial “e só medra o sector servizos“, remarcou.

FEIJÓO “PONLLE OS DEBERES AO ESTADO PERO NON FAI OS SEUS”

“Nin Alcoa, nin a Xunta de Galicia nin o Goberno de España están á altura das circunstancias”, afirmou Gómez, que se amosou especialmente crítico co presidente do Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo: “ponlle os deberes ao Estado, pero podería facer os seus”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...