A Xunta enviará hoxe un requerimento a Alcoa para que deteña o ERE

Consellería e comité chegaron a un acordo para solicitar formalmente á multinacional que suspenda o despedimento colectivo presentado en aluminio ante a existencia dun comprador

Un traballador de Alcoa, nunha manifestación en Viveiro. JUAN MAYA

EFE. Logo de máis de dúas horas de reunión na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, os representantes do comité de empresa e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, chegaron a un acordo para solicitar formalmente a paralización do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) en Alcoa San Cibrao.

De feito, a Xunta de Galicia, como autoridade laboral e dado que cambiou o escenario co interese dun investidor por comprar o complexo industrial de San Cibrao -tamén a planta de alúmina-, enviará hoxe mesmo un requerimiento a Alcoa para pedirlle a paralización dese ERE que podería deixar na rúa a máis de cincocentos traballadores da factoría de aluminio e a outros 400 obreiros de auxiliares, segundo a estimación dos sindicatos.

“Chegamos a un acordo para reclamar unha ampliación do período de consultas –que remata o 4 de agosto– ou para a paralización do mesmo, xa que non ten sentido mantelo co cambio substancial que se produciu nas últimas datas, sobre todo coa posible entrada dun novo inversor interesado na fábrica”, dixo o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan.

O presidente do comité recordou que os traballadores xa solicitaran na mesa multilateral a paralización do ERE, pero “agora a Xunta de Galicia vai revisar toda a documentación e, segundo vexan eles, farán a solicitude que estimen oportuna. En teoría con todo o que lles presentamos teñen bastante para pedir unha paralización temporal ou definitiva do ERE”, dixo Zan.

“A XUNTA NON VAI PERMITIR QUE SE PAREN AS CUBAS”, AFIRMA CONDE

Pola súa banda, Conde anunciou que a Xunta enviaralle esta mesma mañá un requerimento a Alcoa, como “autoridade laboral”, para solicitar a paralización do ERE.

Asegurou que a Xunta de Galicia non vai permitir “que se paren as cubas” de electrólise na planta de San Cibrao e espera “transparencia” por parte do Goberno de España no relativo a unha posible operación de venda, así como que traballe para fixar ese prezo competitivo da enerxía que determinaría a viabilidade da produción de aluminio primario na Mariña.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here