InicioEconomíaAlcoa e sindicatos ultiman unha acta de desacordo nos compases finais da...

Alcoa e sindicatos ultiman unha acta de desacordo nos compases finais da negociación do ERE

O período de consultas do despedimento colectivo agonizaba sen pacto ao insistir a multinacional na parada de cubas, liña vermella para a representación dos traballadores

Publicada o

- Advertisement -

O comité de Alcoa e a multinacional preparaban sobre as catro da mañá deste mércores unha acta de desacordo despois de que se rompesen as negociacións do período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola compañía na planta de aluminio, que suporía 534 despedimentos na factoría e outros 400 en empresas auxiliares.

Segundo concretou o comité de empresa ás decenas de traballadores do complexo industrial e das contratistas que continuaban arroupando aos seus representantes á saída do restaurante Los Robles, en Lugo, “(Alcoa) segue empeñada en poñer enriba da mesa o ERE, o Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) e a parada de cubas, e nós seguimos na nosa posición”.

Deste xeito continuaba unha xornada maratoniana de negociacións, que comezou ás 9.15 horas.

“A partir de mañá haberá que comezar a facer outro tipo de presións dentro das posibilidades sindicais que temos ao noso alcance”, afirmou o presidente do comité, José Antonio Zan, que sostivo que “debemos ter todos claro que as cubas non se paran e é o que temos que defender”.

AS NEGOCIACIÓNS INTENSIFICÁRONSE CUNHA TERCEIRA OFERTA DA MULTINACIONAL

“Seguen erre que erre, pero nós seguimos sen movernos”, explicaba Zan horas antes, sobre as 22.30, aos obreiros, familiares e veciños da Mariña que sobre esa hora seguían en Lugo presionando para a retirada do despedimento colectivo.

Sobre as oito da tarde, Alcoa ofrecera unha terceira vía, despois de presentar un ERE e no penúltimo día de prazo ofrecer un expediente temporal con dous anos de duración, ata 2022. Os obreiros valoraron esta posibilidade durante horas a fin de presentar unha contraoferta, pero non houbo acordo.

“Todas as propostas que facemos inclúen cubas e emprego”, indicou o sindicalista, en relación ás dúas liñas vermellas marcadas polas centrais nas negociacións; manter os postos de traballo e non parar a maquinaria de electrólise, o que na súa opinión invalidaría unha posible venda e suporía “a morte” da fábrica.

ALCOA PODERÍA DAR UN PRAZO LÍMITE PARA ACEPTAR O ERE; OS SINDICATOS TENTARÁN INVOLUCRAR ÁS ADMINISTRACIÓNS

Por agora non trascendeu información máis concreta sobre a oferta realizada por Alcoa. De confirmarse o resultado da reunión, a multinacional podería ofrecer un prazo límite aos sindicatos para que aceptasen a última oferta presentada. De non aceptaren, estaría habilitada para comezar a executar os despedimentos.

Pola súa banda, as centrais sindicais, tras gañar algo máis de tempo, agardarán que Goberno central e Xunta de Galicia presionen a Alcoa para rectificar. A intervención do complexo industrial, reclamada novamente no último día do prazo de negociacións a un Executivo estatal que desde o inicio se amosou reacio, non se produciu.

O comité instara ao mediodía ao Goberno, nun receso das conversas, a “paralizar” o ERE e “liderar” un proceso de venda ante os “cuatreiros” de Alcoa, que tiñan a intención de “desguazar a fábrica e desfacer a industria deste país”.

Os sindicatos poderían optar pola vía xudicial, dado que entenden que a compañía está a cometer fraude de lei, ao negarse a vender coa maquinaria de electrólise acesa cando un comprador “solvente” formulou o seu interese. Con esa posibilidade, a de emprender accións legais, advertiu o Goberno autonómico á propia empresa, dado que “renunciar” a analizar unha oferta de compra para “evitar a presenza de competidores” pode constituír unha “actitude dolosa”.

Os sindicalistas tamén tiveron o apoio de varios representantes do BNG, que se desprazaron in situ á área recreativa de Los Robles, entre eles os parlamentarios electos por Lugo Ollala Rodil e Daniel Castro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...