Traballadores de Alcoa San Cibrao e familias levaron este venres o conflito laboral á sesión constitutiva do Parlamento de Galicia. Os obreiros concentráronse ante O Hórreo para reclamar aos parlamentarios que apoien a reclamación dos operarios de que se abra un proceso de venda da planta de aluminio, onde a titular pretende aplicar un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporía máis de 900 despedimentos entre a factoría e as contratistas.
A multinacional reclamaba asinar previamente ao proceso de venda unha parada de cubas ou un recorte de persoal, mentres que os traballadores propuñan unha tregua de seis semanas para buscar un acordo entre a propietaria e o posible comprador, Liberty House/GFG Alliance, e retomar despois a negociación do ERE se non se chegaba a un acordo.
Alcoa non participou o pasado xoves na última reunión prevista dentro das negociacións do ERE e deu por finalizado o período de consultas, alegando “temer” pola “integridade física” dos seus representantes, logo de que algúns obreiros lanzasen ovos ás furgonetas nas que viaxaban á sé dos encontros, un restaurante de Lugo. Diante da decisión de romper o diálogo, o comité de empresa emprazou á multinacional a rematar as conversas.
#EstaPasandoAgora no Parlamento de Galicia.#AlcoaNonSePecha #SinIndustriaNoHayFuturo #AMariñaSalvaseLoitando #xuntxsmáisfortesA MARIÑA SALVASE LOITANDO SAN CIPRIÁN "PENÍNSULA DE LA PAZ" NISSAN ZONA FRANCA San Ciprian Ccoo Alcoa Cig Alcoa San Cibrao Ugt Alcoa San Cibrao CONCELLO DE CERVO // AYUNTAMIENTO DE CERVO Concello de Xove
Publicada por Rebelión Aluminio en Viernes, 7 de agosto de 2020
CONVERSA CON CABALLERO
Con berros como ‘A solución, unha intervención‘, ‘enerxía solución‘, ‘ministra Ribera, ao ERE ti primeira‘, ‘ministra Maroto, non nos vendas a moto‘, ‘onde está o estatuto‘ ou ‘Que veña Feijóo‘, os obreiros plantáronse ante a entrada do Parlamento, onde o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, puido reclamarlle apoio ao líder do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, á voceira nacional do BNG, Ana Pontón, ou a Miguel Tellado (PP), entre outros parlamentarios.
DANIEL CASTRO (BNG) DEBUTOU NA CÁMARA CUNHA CHAQUETA DA EMPRESA
O deputado autonómico ribadense Daniel Castro (BNG), o máis novo da Cámara galega, debutou na Cámara galega cunha chaqueta da empresa.

“(OS DEPUTADOS) COMPROMETÉRONSE EN CAMPAÑA A SOLUCIONAR O PROBLEMA E DEBEN FACELO AQUÍ DENTRO”
Os empregados non poideron con todo acceder ás instalacións, dado que a sesión constitutiva do Parlamento galego realizouse con estritas medidas de seguridade, sen asistentes nas bancadas e con mamparas para separar os deputados.
O persoal de Alcoa San Cibrao continúa a súa loita para que as Administracións medien no conflito laboral. “O primeiro que teñen que facer os deputados aquí dentro é arranxar o problema da Mariña Lucense, como se comprometeron a facer todos en campaña”, expuxo o comité.
“NON SE PODE SENTAR A NEGOCIAR CUNHA PISTOLA ENRIBA DA MESA”, DI ZAN
Zan asegurou sobre a proposta de Alcoa que se trataba “de negociar seis semanas e parar as cubas. Non se pode sentar un coa pistola enriba da mesa, nós non imos asinar nin agora nin nunca a morte da Mariña. É unha vergoña que unha multinacional rexeite reunirse coas máximas autoridades a nivel estatal e autonómico”, proseguiu, para reclamar a Goberno do Estado e Xunta de Galicia que reclamen á multinacional que negocie “sen obrigar a asumir á outra parte (por Liberty House) unha sanción tan dura” como a parada da maquinaria de electrólise.
“E se alguén ten que pagar os cinco millóns miserables que custan as seis semanas que pague quen o teña que pagar, pero non se pode permitir que unha multinacional pisotee ao Goberno deste país”, concluíu.
“A nosa proposta era similar á formulada pola autoridade laboral, incluso cedendo máis. problema non é nin ERE nin Erte, o problema que temos é que se se paran as cubas, acabamos todos despedidos e A Mariña Lucense sen fábrica. Iso é o que os políticos teñen que entender. Nós non vimos a buscar mellores salarios, senón que loitamos para dar un futuro e unha viabilidade a toda unha comarca, non por catro duros para nós”.