O comité de empresa de Alcoa anunciou a través dun comunicado que solicitará reunións periódicas de seguimento co grupo Alvance, da multinacional Liberty House – GFG Alliance, paralelamente a aquelas xuntanzas que se celebren dentro da mesa multilateral para fiscalizar o proceso de venda da planta de aluminio de San Cibrao ao grupo empresarial británico. As negociacións entre a titular das instalacións e o potencial comprador, que durarán ata o 27 de setembro inclusive tralo acordo adoptado para prorrogar o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que pende sobre a fábrica, realizaranse en tres fases.
Así o concretaron os sindicatos ao remate da primeira xuntanza, por vía telemática, da mesa multilateral, que contou coa presenza de delegados de Alcoa, o Goberno central, a Xunta de Galicia, o comité de empresa e as forzas sindicais con representación no mesmo (CC OO, CIG e UGT). O proceso de venda, que está suxeito a condicións de privacidade por ambas partes -titular e potencial comprador-, realizarase en tres fases, con dúas semanas de duración por cada unha. Ata o 28 de agosto negociarase a folla de condicións da operación; ata o 11 de setembro analizaranse en detalle os aspectos da compra; e ata o 27 dese mesmo mes concretaríase o contrato da transacción.
Nesta última fase debera asinarse un preacordo que quedaría a expensas da aprobación por parte de todos os organismos, así como pactos máis detallados da venda -no referente ás concesións compartidas ou aos servizos compartidos-.
Segundo concretou o comité, as datas son orientativas e poden variar en función dos avances da negociación.
ALCOA AFIRMA QUE BASEARÁ A SÚA DECISIÓN “EN TERMOS COMERCIAIS RAZOABLES”
Pola súa banda, Alcoa emitiu unha nota de prensa na que afirmou que mantivo “varias reunións co potencial comprador, que se están iniciando negociacións e que traballa con dilixencia co propósito de lograr unha venda responsable que garanta a viabilidade da planta e preserve o emprego baixo unha nova propiedade”.
O proceso de venda, concreta a multinacional, “desenvolverase seguindo as fases que Alliance GFG (Liberty House) propuxo” e non se poderán incorporar novos potenciais compradores ao proceso de venda.
Segundo o solicitado polos representantes dos traballadores e Liberty House, Alcoa “continuará operando as cubas de electrólises e a fundición durante o proceso de venda, que vence o 27 de setembro de 2020”. A multinacional “está a traballar da maneira máis eficiente posible neste proceso e a súa decisión final sobre o proceso de venda basearase en termos comerciais razoables. Como en toda negociación, esperamos que ambas as partes contribúan ao acordo”, conclúe a titular das instalacións.