InicioEconomíaOs obreiros ven "claro e conciso" o plan de Liberty, que promete...

Os obreiros ven “claro e conciso” o plan de Liberty, que promete investir para competir “ao primeiro nivel”

O comité esixe a Alcoa que facilite que frutifique o proxecto, que pasa por xerar aluminio con maior "valor engadido" e por rebaixar o prezo da enerxía con "coxeración" e alimentación "solar"

Publicada o

- Advertisement -

O comité de Alcoa San Cibrao ve “claro e conciso” o proxecto de Liberty House para a planta de aluminio, segundo a valoración realizada polos sindicatos ao remate da reunión mantida este mércores en Madrid cos dirixentes da potencial compradora das instalacións.

“Vemos que teñen un proxecto apoiado por dous Gobernos, a Xunta de Galicia e o Goberno central, e Alcoa ten que deixar de poñer impedimentos e facer que esta venda frutifique canto antes”, asegurou o organismo de representación dos traballadores.

Segundo indicou o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, Liberty House expuxo un plan “con dúas partes”, por un lado a industrial, na que a multinacional británica indicou os “investimentos” a acometer na fábrica de aluminio, e por outro lado a enerxética, na que abordou as actuacións a acometer para asegurar un prezo enerxético suficientemente “competitivo”, dado que a electricidade supón o 40% dos gastos de produción da factoría.

No tocante aos investimentos, Liberty House quere modernizar a fábrica para facer produtos cun maior “valor engadido” e que San Cibrao estea “ao primeiro nivel” á hora de competir “co resto dos axentes do sector”.

INCENTIVOS A CURTO PRAZO

No relativo á enerxía, Liberty House presentou “un plan enerxético, un plan solar, un plan de coxeración e un plan de aforros noutros aspectos que nos proporcionaría un prezo competitivo e ser viables a longo prazo“, afirmou Zan, que precisou que “o problema” residiría no horizonte temporal inmediato, pois a viabilidade da planta pasa pola aprobación do estatuto do consumidor electrointensivo, comprometido polo Goberno desde hai case dous anos, así como doutros incentivos para aliviar o custo da electricidade.

O SUBMINISTRO DE ALÚMINA, ASUNTO PENDENTE

Outra das cuestións por solventar, segundo apuntou Zan, é o subministro de alúmina, posto que Liberty House aspira a un acordo a longo prazo, por 20 anos, mentres que Alcoa négase polo momento a chegar a un pacto por máis dun lustro. Este é un dos principais problemas que manteñen encallada a negociación de venda, de acordo coa versión da propietaria das instalacións.

PIDEN MAIOR DURACIÓN PARA A ‘DUE DILIGENCE’

Finalmente, os sindicatos reclamaron que a auditoría ou ‘due diligence‘ que realizará Liberty House in situ na planta de aluminio “poida durar máis de dous días”, a fin de que a potencial compradora da factoría “poida revisar ben as instalacións e concretar así onde necesitar realizar os investimentos”.

LIBERTY HOUSE GARDA SILENCIO

Consultadas ao respecto da xuntanza, fontes de Liberty House non se quixeron pronunciar ao respecto, limitándose que a reunión se mantivo “ante o interese demostrado polos traballadores”. A multinacional británica apela á situación, cunhas “negociacións” en marcha, para gardar silencio sobre o seu plan para aluminio.

ESTE XOVES, REUNIÓN DA MESA MULTILATERAL

Liberty House ten ata o 27 de setembro, inclusive, para convencer a Alcoa de que venda a planta de aluminio, segundo o acordo ao que chegaron a propietaria e os sindicatos. De non haber traspaso, as dúas partes retomarían o día 28 o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado en aluminio. A proposición inicial da titular suporía máis de 900 despedimentos entre a factoría e a industria auxiliar, e o apagado das cubas de electrólise, o que os obreiros sinalan como “o corazón” do complexo industrial.

Este xoves, Alcoa reunirá de novo a mesa multilateral (12.30 horas) para a fiscalización do proceso de venda, coa presenza dos sindicatos –CC OO, CIG e UGT-, do comité, da Xunta de Galicia e do Goberno central.

A CIG: “SERÍA IMPERDOABLE QUE A VENDA NON SAIA ADIANTE”

A CIG emitiu un comunicado no que asegura que instou á dirección de Liberty House a que actúe con responsabilidade “no lado que lle corresponde” e empraza a todas as partes implicadas no futuro da fábrica de aluminio da Mariña a traballar a fondo para facilitar que a operación de venda sexa un éxito, baixo a premisa de non parar as cubas e manter a totalidade dos empregos.

Fronte a alternativa da parada das cubas e despedimentos que formula Alcoa, a CIG claramente aposta por un proxecto industrial que garanta a continuidade de todos os postos de traballo, da actividade produtiva e que non supoña parar a electrólise.

“Nestes momentos temos enriba da mesa esta opción que propón Liberty House, polo que dende o noso punto de vista, aínda coas reservas e dúbidas que poida xerar, sería imperdoable que entre todas as partes non foramos quen de lograr que saíra adiante”, valorou o secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, ao remate do encontro.

CENSURA O “BOICOT” DE ALCOA E CHAMA ÁS ADMINISTRACIÓNS A “TRABALLAR” POR UNHA SOLUCIÓN

Neste senso, Carril critica o “boicot” de Alcoa a este proceso de venda, dificultando as negociacións co grupo británico e rexeitando todas as posibilidades que se lle formulan “co único obxectivo de xustificar o que leva buscando dende hai meses: o peche do aluminio. Resulta evidente que Alcoa se nega a tomar en consideración esta proposta”, advirte, para afirmar que a operación é “viable e ademais inevitable”.

O secretario xeral da CIG lembra que abrir a posibilidade dunha venda e chegar a esta fase “só foi posíbel pola unidade de acción, a mobilización continúa e a defensa firme do futuro industrial” levada a cabo nos últimos meses polos traballadores. Por iso, sostén que “resulta preocupante que nin a Xunta nin o Ministerio estean a traballar na busca de solucións ás problemáticas que levan meses enriba da mesa e que non estean aplicándose a fondo para evitar o peche da fábrica”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...