InicioEconomíaAdministracións, partidos e sindicatos apremian a Alcoa, que rexeita unha mediación no...

Administracións, partidos e sindicatos apremian a Alcoa, que rexeita unha mediación no proceso de venda

A propietaria teima en non vender Aluminio e en responsabilizar da falla de avances a Liberty House; a Xunta pídelle "consciencia" e o PSdeG di que se lle "acabaron as excusas"

Publicada o

- Advertisement -

Goberno de España e Xunta de Galicia apremiaron este venres a Alcoa para que avance no proceso de venda da planta de aluminio de San Cibrao, toda vez que non hai por agora entendemento coa potencial compradora da fábrica, Liberty House, a falta de dez días para que remate o prazo de prórroga do período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola propietaria das instalacións. Segundo comunicou a primeira hora da tarde o comité de empresa do complexo industrial de Cervo, o Executivo central tería ofrecido “unha mediación” nas conversas que a titular da factoría rexeita.

Alcoa continúa na súa posición e a mensaxe ofrecida aos medios de comunicación, para sementar dúbidas sobre o posible comprador, non varía desde hai semanas. “As posturas están moi afastadas”, argumentan fontes da multinacional, xa que “GFG Alliance -grupo ao que pertence Liberty House- mantén unha  serie de demandas non razoables e fóra do acordo adoptado cos representantes dos traballadores”, o que segundo a multinacional estadounidense “pon en risco o proceso de venda”. Consultadas sobre a proposta de mediación, sosteñen que as conversas “son entre dúas empresas privadas, que son as que teñen que chegar ou non a un acordo”.

O comité instara a Alcoa a aceptar a mediación e reclamara á propietaria que deixe de “boicotear” a venda. Os traballadores aseguran que a multinacional estadounidense actúa de mala fe poñendo “impedimentos” á compra por parte de Liberty House, cuxo proxecto industrial ven “conciso e claro”.

OS SINDICATOS ALERTAN DA “MALA FE” DA PROPIETARIA

Este mesmo venres, a CIG afirmou a través dun comunicado que ve á propietaria “máis pendente de preparar a parada das cubas de electrólise” que de negociar, e días atrás sindicatos como CC OO ou UGT amosaron as súas dúbidas xa non só sobre a intención de Alcoa de vender aluminio, senón sobre o propio futuro da refinería, asegurando que a siderúrxica de Pittsburgh quere pechala en 2025. Así, non ven outra solución que non pase por unha venda do complexo industrial ao completo ou por un acordo de subministro de alúmina a longo prazo, a fin de que Liberty House poida realizar os investimentos comprometidos, de arredor de 1.000 millóns de euros, con garantías de fornezo de materia prima.

A duración do contrato de subministro de alúmina é un dos principais puntos de desencontro das negociacións. Na noite do pasado xoves, Liberty House -que aspira a un acordo por alomenos dez anos- presentou unha nova oferta a Alcoa, que se nega a asinar por máis de cinco. Para aceptar, o investidor solicita unha opción de tenteo sobre unha posible venda da refinería, a fin de ter garantías de fornezo.

A propietaria asegurou que está a “estudar en detalle” a proposta -“a primeira de Liberty House desde o pasado 4 de setembro“, segundo a versión de Alcoa- aínda que non ve en principio avances significativos e mesmo suxire que a resposta será negativa.

Nun breve comunicado a través de Twitter, o Ministerio de Industria pediu a Alcoa e Liberty House que avancen nas negociacións para chegar a un acordo que manteña a totalidade da produción e dos empregos na planta.

A XUNTA SOSTÉN QUE NON HAI “NINGÚN OBSTÁCULO INSALVABLE”

A Xunta de Galicia reiterou este venres a mensaxe de que “non existe ningún obstáculo insalvable” para avanzar na venda da fábrica de aluminio e apelou ao “achegamento de posturas” entre Alcoa e Liberty House.

“Do nivel de implicación de todas as partes dependerá que se acade este obxectivo”, indicou o conselleiro de Industria, Francisco Conde, que lembrou que “hai 1.000 empregos en xogo” -os 534 traballadores que realizan as tarefas de electrólise en aluminio máis outros máis de 400 de empresas auxiliares-. O Goberno autonómico sinala á multinacional estadounidense: “é preciso respectar as negociacións entre empresas, pero Alcoa debe ser consciente de que debe achegar posicións con Liberty para formalizar o acordo de compra-venda, buscando puntos de encontro e arranxando as cuestións que dificultan o peche da operación.

A Xunta insistiu en que “é preciso que o Goberno tamén avance na aprobación de medidas necesarias para garantir un marco enerxético estable e competitivo para toda a industria electrointensiva galega e os 5.000 empregos asociados”.

A POSTURA DE ALCOA É “INXUSTIFICABLE” PARA OS SOCIALISTAS

Por outra banda, a secretaria provincial e deputada autonómica do PSdeG-PSOE, Patricia Otero, dixo que “se acabaron as escusas para Alcoa. Esta empresa ten enriba da mesa unha oferta viable de venda, hai unha proposta industrial de Liberty House moi seria que garante os postos de traballo e un futuro para a produción de aluminio na planta de San Cibrao. O único que se está interpoñendo é a cerrazón da multinacional para facer posible a venda”, aseverou.

“O Goberno de España presentou unha proposta de venda para desbloquear o estancamento que se produciu na negociación e que é aceptada por todas as partes (comité de Empresa e administracións), salvo de maneira absolutamente inxustificada por Alcoa”, denunciou.

Por iso cualifica a actitude de Alcoa como “empresarialmente inxustificable e moralmente intolerable que unha multinacional que recibiu centos de millóns de euros nos últimos anos, se negue agora a vender por razóns inconfesables poñendo en risco centos de empregos, e o futuro de moitas familias e da Mariña enteira. Alcoa ten que vender”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...