InicioEconomíaOs obreiros de Alcoa cortan a N-642 no Castelo e convocan protestas...

Os obreiros de Alcoa cortan a N-642 no Castelo e convocan protestas para o sábado en Xove e Viveiro

"A solución negociada segue aberta e a venda é posible ata o último momento", remarca o comité de empresa, que segue a mobilizarse para presionar a favor dunha venda da planta de aluminio

Publicada o

- Advertisement -

EFE. Traballadores de Alcoa encadeáronse este mediodía e cortaron o tráfico na estrada N-642 ao seu paso polo municipio de Cervo, concretamente en San Cibrao, nas inmediacións do acceso ao complexo industrial da compañía, para reclamar que chegue a bo porto o proceso de venda da fábrica.

Esa protesta produciuse logo da asemblea de traballadores celebrada esta mañá para informar ao persoal sobre o estado das negociacións entre Alcoa e GFG Alliance -Liberty House-, cuxo período de consultas remata este domingo -día 27 de setembro-, transcorridas as seis semanas que ambas multinacionais se deron para levar adiante o proceso de venda.

MALESTAR POLA CONVOCATORIA EN MADRID DO PERÍODO DE CONSULTAS DO ERE

Na concentración escoitáronse consignas habituais nas protestas dos traballadores de Alcoa desde que a compañía anunciou o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que podería deixar na rúa a máis de cincocentos traballadores da fábrica de aluminio primario, e que suporía tamén outros 400 despedimentos na industria auxiliar, segundo a estimación dos sindicatos.

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao expresou o seu malestar polo feito de que a multinacional convoque a última reunión de negociación do ERE que pretende aplicar na fábrica de aluminio primario para este próximo luns en Madrid.

( #Vídeo 📹) #AMariña Traballadores de #Alcoa encadéanse e cortan N-642 á altura do cruzamento do Castelo.

Publicada por Xornal da Mariña en Viernes, 25 de septiembre de 2020

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, dixo que esta convocatoria por parte de Alcoa reflicte “a desvergoña personificada”, porque “ata o día de hoxe non se celebrou ningunha reunión en Madrid”. Con todo, fontes de Alcoa precisaron que a convocatoria terá lugar sempre que non se alcance un acordo de venda antes da data límite, que é este domingo.

“FALAMOS DE DÚAS EMPRESAS EXPERTAS EN NEGOCIAR”

Zan opina que o acordo para a venda da planta de aluminio primario entre a multinacional americana e o grupo GFG Alliance -Liberty House- é posible “ata o último momento”.

“Aínda que digan vinte veces que se rompe antes, a solución negociada está aberta ata o último momento”, dixo Zan, quen recoñeceu que o persoal mantén “a esperanza” e, por suposto, “manterá a loita” ata que haxa unha solución.

“Estamos falando de dúas empresas multinacionais, que son expertas en negociar. Nunca saberemos o que están pensando nin por onde van levar a negociación, porque cada unha tira para o seu lado e defende os seus intereses”, dixo Zan.

Recoñeceu que, neste momento, tanto o Goberno central como a Xunta de Galicia están apoiando ese posible proceso de venda, de modo que o comité está disposto a dar a batalla ata despois do domingo, cando se cumpre o prazo de seis semanas que se deron ambas multinacionais para completar a negociación. Segundo o acordo entre sindicatos e Alcoa, o día 28 retomaríase, de non frutificar un preacordo de venda, o período de consultas do despedimento colectivo.

A XUNTA: “NON HAI ESCUSA PARA NON CHEGAR A UN ACORDO”

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegurou este venres que tanto a Xunta de Galicia como o Goberno central continúan traballando para que se chegue a un acordo para a venda da fábrica de Alcoa en San Cibrao.

“Non hai escusa que poidamos identificar para non chegar a ese acordo”, sinalou Conde en declaracións á prensa nunha xornada na que se produciu unha nova reunión entre Alcoa e Liberty House antes de que finalice este domingo o período de consultas do proceso de compra-venda das instalacións.

“Confiamos en que desde a colaboración conxunta se atope solución”, expuxo Conde, que afirmou que as Administracións teñen todas as “canles abertas” para continuar na negociación antes de concluír ese “horizonte” que marca a xornada do domingo.

Ademais, Conde remarcou que desde a Xunta trasladouse ás empresas “que desde o punto de vista de tramitación administrativa e de financiamento haberá unha resposta” para facilitar o proceso.

Así mesmo, sinalou, tamén lle consta que desde o Goberno central trabállase para tamén “dar unha resposta desde o punto de vista do prezo eléctrico“.

“Traballamos na única clave dun acordo”, concluíu o vicepresidente segundo do Goberno autonómico.

PEPE ÁLVAREZ (UGT): “ALCOA QUERE PECHAR A FÁBRICA PARA ELIMINAR COMPETIDORES”

O secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez, acusou este venres á multinacional Alcoa de “querer pechar as súas fábricas de Asturias e Galicia para evitar competidores no mercado do aluminio”. Ante esta situación, pediu que se declare este sector de interese xeral para evitar os peches, como xa se fixo en Francia, Italia ou Alemaña, xa que “España non pode renunciar á produción de aluminio”. En concreto, referiuse ao prazo de negociación da fábrica de aluminio primario de San Cibrao, no municipio lucense de Cervo, e considerou que está a piques de finalizar sen acordo porque “Alcoa non quixo negociar”.

MANIFESTACIÓN O DOMINGO EN XOVE

Os traballadores convocaron unha marcha o vindeiro domingo, en Xove, para reclamar unha solución ao conflito laboral que supoña o mantemento da produción e do emprego. Partirá ás 11.00 horas da estación de tren, con remate na Praza do Concello.

Antes, mañá sábado, citaron á Mariña nas prazas dos Concellos de Xove e Viveiro, ás 10.00 horas, onde farán “concentracións e un acto importante”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...