InicioEconomíaSordo esixe desde Viveiro ao Goberno que "faga o que teña que...

Sordo esixe desde Viveiro ao Goberno que “faga o que teña que facer” para que Alcoa peche a venda

Tras o corte da N-642, o persoal seguirá mobilizándose, con concentracións en Xove e Viveiro mañá sábado, ás 10.00 horas, e a marcha do domingo desde a estación de tren xovense

Publicada o

- Advertisement -
O secretario xeral de Comisiones Obreras (CC OO), Unai Sordo, reclamou desde Viveiro na tarde deste venres que a Xunta de Galicia e o Executivo central “presionen” á multinacional Alcoa para que acceda a vender a planta de aluminio de San Cibrao, na que presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que podería supoñer uns 900 despedimentos entre a factoría e a industria auxiliar, e “deixe de bloquear” unha situación que mantén en vilo á bisbarra da Mariña Lucense.

“NON SE PODE DEIXAR UNHA COMARCA ABANDONADA”

“Non se pode deixar a comarcas abandonadas coma esta; esiximos a Alcoa que se comprometa a facer o que ten que facer e ao Goberno que presione e tome as medidas que teña que tomar para garantir a continuidade da actividade industrial e dos postos de traballo”, asegurou o líder estatal do sindicato aos medios de comunicación congregados na Cidade do Landro.

“NON NOS RESIGNAMOS Á MENSAXE DE QUE ALCOA NON VAI VENDER”

“Non renunciamos e non nos resignamos á mensaxe de que Alcoa non vai vender e de que isto non ten saída”, afirmou, considerando que hai posibilidades de manter activa esa fábrica e ata de favorecer a súa transformación para a produción de “aluminio verde“, en alusión a que poida recorrer a enerxías alternativas non de orixe fósil nun momento de transición cara a unha economía máis sostible co medio ambiente.

Con todo, apuntou que iso require “planificación a longo prazo con empresas que queiran investir” con esa perspectiva “e non en xogadas especulativas a curto prazo”.

Ademais de Sordo, participaron no encontro, celebrado nos Xardíns de Noriega Varela, o secretario xeral de CCOO-Industria, Agustín Martín; o secretario xeral de CCOO-Galicia, Ramón Sarmiento; o secretario de Política Industrial da Federación de Industria, José Manuel Casado; e o secretario da Federación de Industria de CCOO- Galicia, Víctor Ledo. Os dirixentes do sindicato mantiveron nesa mesma tarde un encontro coa rexedora viveirense, a socialista María Loureiro.

ÚLTIMAS HORAS PARA UNHA VENDA

Alcoa e a siderúrxica británica Liberty House negocian a venda da planta nas últimas horas de prazo estipuladas no acordo entre a titular e os sindicatos. Vendedora e compradora teñen ata o 27 de setembro, inclusive, para pechar a operación; de non ser así, a parte social e maila propietaria retomarán o período de consultas do ERE. A compañía estadounidense afirmou que “non é realista” pensar nun traspaso, pero o comité de empresa asegurou que o acordo “é posible ata o último momento”.

OS OBREIROS CONVOCAN NOVAS PROTESTAS

Os traballadores tentan meter presión para que frutifique a venda como poden. Para o domingo convocaron unha marcha en Xove, para reclamar unha solución ao conflito laboral que supoña o mantemento da produción e do emprego. Partirá ás 11.00 horas da estación de tren -desde onde saen as placas-, con remate na Praza do Concello. Antes, mañá sábado, citaron á Mariña nas prazas dos Concellos de Xove e Viveiro, ás 10.00 horas, onde farán “concentracións e un acto importante”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...