Centenares de traballadores da industria auxiliar de Alcoa, nunha convocatoria á que se sumaron obreiros das fábricas de alúmina e aluminio, permanecen desde as sete da mañá deste martes fronte ao complexo industrial de San Cibrao cortando a entrada do mesmo para reclamar unha solución ao conflito laboral, toda vez que a propietaria se negou a vender as instalacións tanto a Liberty House como á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), e despois de que a negociación do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) acabase en desacordo.
Os traballadores, polo de agora sen necesidade de barricadas de pneumáticos, como noutras ocasións, bloquean tanto a entrada principal como o acceso ao complexo industrial en Lago (Xove). Unicamente se deixa entrar aos camións que veñen descargar, pero non sae material das plantas. Os obreiros tamén están a respectar a entrada e saída dos seus compañeiros nas quendas habituais, posto que queren coidar as cubas de electrólise, o “corazón industrial” da Mariña Lucense.
Unhas cubas cuxo apagado se negaron onte a asinar no período de consultas do ERE, ao entender que suporía a condena do complexo industrial e a aprobación dunha catástrofe social, económica e demográfica na comarca da Mariña Lucense. En diante, Alcoa ten 15 días para comunicar o despedimento colectivo, que podería resolverse nos tribunais, dado que a parte social entende que é evidente a “mala fe” negociadora da propietaria, que tiña sobre a mesa alternativas para evitar a sangría de empregos.
O persoal apela ás Administracións, Xunta de Galicia e Goberno central, para que non permitan que a vontade dunha multinacional pese máis ca o interese xeral e acabe coa única fábrica de aluminio primario de España.
ESTE MARTES, ASEMBLEA
Ás 13.00 horas, os obreiros de Alcoa e auxiliares están chamados a unha asemblea, na que os representantes dos traballadores explicarán os acontecementos do día de onte, unha xornada maratoniana; primeiro coa mesa multilateral, na que a multinacional se negou a rectificar e ampliar o prazo de negociación dunha venda, e finalmente co remate do período de consultas do ERE. Os sindicatos compartirán cos seus compañeiros a folla de ruta a seguir nos próximos días.