InicioEconomíaO comité de Alcoa urxe a Xunta e Goberno a que executen...

O comité de Alcoa urxe a Xunta e Goberno a que executen de inmediato a expropiación da planta

Os sindicatos solicitarán medidas cautelares para que un xuíz paralice o despedimento colectivo e a parada das cubas

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao urxe ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que “cumpra a súa palabra” e solicite ao Goberno central a intervención pública da planta de aluminio, na que a multinacional estadounidense vén de comunicar a aplicación dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que supón o despedimento de 524 traballadores e que afectará a outros alomenos 400 postos de traballo na industria auxiliar. Ademais, insta ao Executivo estatal a non permitir que paren as cubas de electrólise e expropiar as instalacións.

“Onte saía nos medios de comunicación unha nova na que quitaron a foto con Sanjeev Gupta (dirixente de Liberty House) e se dicía que estaba todo disposto para a expropiación. Hoxe é o día”, espetou o presidente do comité, José Antonio Zan, durante unha asemblea improvisada na entrada do complexo industrial, minutos despois de que Alcoa anunciase a aplicación do despedimento colectivo.

“É o momento dos feitos“, asegurou Zan, que vaticinou “que as próximas horas e os próximos días son fundamentais, polo que teñen que mover ficha. Nós non deixamos de loitar pola industria deste país e son eles os que deben demostrar que tamén a van defender”, expuxo. “Esiximos a Teresa Ribera (a ministra de Transición Ecolóxica), quen dirixiu todo este proceso, que cumpra e que se interveña a planta”, abundou.

“SE QUEREN PARAR ALGUNHA CUBA TERANNOS EN FRONTE”, ASEGURA O PERSOAL

O representante do comité anunciou que a folla de ruta continuará ata o domingo, incluíndo unha manifestación en Xove na que participará a comunidade educativa de secundaria, e despois acometerá un calendario de “mobilizacións moi contundentes. Non imos baixar os brazos; de aquí ao 31 de marzo (prazo no que se marca Alcoa o apagado da maquinaria), se queren parar unha soa cuba terannos en fronte”.

“Temos que ser intelixentes e saber que o obxectivo é que non se toque ningunha cuba”, afirmou Zan, que concretou que “estamos preparando a solicitude da cautelarísima, para que un xuíz paralice este proceso inmediatamente”. Agardou que a decisión do maxistrado “a poidamos ter nunha semana”.

ACUSAN A ALCOA DE “RETER” CAMIÓNS PARA QUE NON SAIA HIDRATO PARA AS FARMACÉUTICAS

O comité criticou as formas de Alcoa na comunicación do ERE, “un venres ás 13.00 horas”, e acusou á multinacional de obrar “de mala fe” desde que se produciu o desacordo no período de consultas do ERE. Así, asegurou que “están retendo camións” que serven hidrato ao sector farmacéutico, e que están a operar malia a folga indefinida no complexo industrial, “para que non viñeran cargar”. O persoal está a permitir que saía este produto ao entender que se trata dun sector esencial á hora de combater a Covid-19 e dunha actividade da que non só se beneficia a industria farmacéutica española, senón tamén a portuguesa ou a belga.

A CIG: A EXPROPIACIÓN “ESTÁ MÁIS QUE XUSTIFICADA” E “NON HAI NADA NA LEI QUE A IMPIDA”

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, asegurou que “a estas alturas, unha intervención pública vía expropiación (á vista de que Alcoa non quere negociar unha venda) está máis que xustificada e non existe nada na normativa galega, española ou europea que impida esta actuación. É agora cando o Goberno español e a Xunta deben demostrar que teñen vontade política real para nacionalizar a fábrica e defender o mantemento dun sector estratéxico para o noso país como o do aluminio”, manifestou.

A este respecto, reitera que non se pode seguir perdendo o tempo  en declaracións de intencións cando Alcoa xa puxo data para os despedimentos e a parada das cubas. “Os gobernos teñen que actuar coa mesma contundencia e rapidez coa que o está a facer a multinacional”, afirma.

Carril explica que a representación social presentará as correspondentes demandas xudiciais para impugnar o ERE, pero esta vía ten uns tempos máis longos que os prazos marcados pola empresa. Polo que resulta “inevitable” a intervención da planta para evitar os despedimentos e que Alcoa “acerne de maneira irreversible as capacidades produtivas” do complexo industrial de San Cibrao.

Así as cousas, a CIG insta a “intensificar as mobilizacións e a manter a unidade de acción como único camiño para paralizar os plans de desmantelamento da multinacional e forzar as administracións a actuar coa urxencia e a contundencia que require esta crítica situación”.

Trabajadorxs de Navantia se desplazan hasta #SanCibrao para mostrar su apoyo a lxs compañerxs de…

Publicada por Rebelión Aluminio en Viernes, 9 de octubre de 2020

A UGT DILLE AO ESTADO “QUE DEIXE DE NEGOCIAR” E “INTERVEÑA XA”

A Federación de Industria, Construción e Agro de UGT esixiulle hoxe ao Goberno “que aparque as negociacións que estaba mantendo para facilitar un proxecto de futuro para Alcoa San Cibrao” e interveña “xa” a planta de aluminio.

O secretario xeral de UGT FICA, Pedro Hojas, que coñeceu a noticia dos despedimentos en Logroño cando interviña no 12º Congreso de UGT FICA La Rioja, advertiu que o sindicato non vai permitir “este atropelo perpetrado pola dirección de Alcoa xusto cando se estaba negociando cun comprador un proxecto de futuro para a planta”.

CC OO RECLAMA “MEDIDAS CONTUNDENTES”

CC OO Industria Galicia advertiu de que utilizará “todas as medidas xurídicas posibles” co fin de revertir os despedimentos.

“Tal e como viñemos anunciando desde a presentación deste expediente, a mala fe por parte de Alcoa foi unha constante que culminou co abandono unilateral dun proceso de venda ao que se comprometeron. Non é a primeira vez que Alcoa toma o pelo aos seus traballadores en España e ás Administracións central e autonómica. A súa mala praxe xa quedou demostrada na venda dos seus centros da Coruña e Avilés avocados a ser comprados por un fondo de investimento sen solvencia que chegou da súa man, co fin de que nunca se volvese a producir aluminio nesas plantas”, censura o sindicato.

CC OO Industria Galicia esixe aos Goberno central e autonómico que actúen “de forma contundente” ante a decisión tomada “tal e como viñeron anunciando e prometendo aos traballadores”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...