O alcalde de Xove, o popular Demetrio Salgueiro, municipio sobre o que se asenta parte do complexo industrial de Alcoa, non perde a “esperanza” e agarda que nas próximas horas se dean por parte da Administracións os pasos adecuados para chegar a un “acordo” que evite o peche da planta de aluminio de San Cibrao, anunciado este mediodía pola multinacional.
Segundo informa Efe, Salgueiro recoñeceu aos medios que o paso dado por Alcoa “era previsible“, porque “non houbo ningún movemento estes días” capaz de facer cambiar á multinacional de opinión.
Aínda así, malia as actuais circunstancias, “aínda hai unha marxe para poder chegar a un acordo, esperemos que o Estado e a Xunta de Galicia fagan a presión suficiente” para que Alcoa “volva sentarse falar” e acceda a “non executar o Ere”. É o momento, dixo Salgueiro, de que “o Goberno de España transforme as boas palabras en feitos”.
Desde o seu punto de vista, a pechadura de Alcoa sería “catastrófico” para A Mariña e para Lugo, pero tamén sería “un fracaso como país. Hai que tomar medidas para evitar que peche a única fábrica de aluminio, un material de futuro, que segue funcionando no Estado”, concluíu.
VILLARES RECLAMA AO ESTADO QUE PRESIONE “CON TODAS AS FERRAMENTAS AO ALCANCE”
O alcalde de Cervo -o municipio que acolle a outra parte do complexo industrial-, o tamén popular Alfonso Villares, sostivo que as Administracións “teñen que utilizar todas as ferramentas que teñen ao seu alcance, como prometeron, para que as cubas sigan funcionando e para que a Mariña non deixe de producir aluminio primario”.
O rexedor precisa que “non podemos tirar a toalla” e “debemos seguir unidos pelexando polo noso presente e futuro; e o Estado, co apoio da Xunta de Galicia, ten que mover ficha para reverter como sexa a situación e intervir para salvar a comarca, tal e como lle escoitamos en reiteradas ocasións, tendo en conta ademais que as instalacións inclúen un porto e unha estrada estatais“, salienta.
Villares apunta que debemos “manter a fe e a confianza” de que se “tomarán as decisións políticas adecuadas” para evitar que “as cubas, o pulmón, da fábrica, deixen de traballar; porque o escenario contrario é inimaxinable; un auténtico pesadelo para a bisbarra, que se vería golpeada de morte no económico e no social”.
CAJOTO PIDE “TOMBAR O ERE E EVITAR A PARADA DE CUBAS”
Pola súa banda, o rexedor de Foz e presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Fran Cajoto, expuxo a través dun comunicado que “hai que tombar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) -que suporá a perda de 524 empregos na factoría e doutros alomenos 400 nas auxiliares- e tamén evitar que paren as cubas da fábrica”.
Cajoto manifestou que isto “é un pau máis da multinacional Alcoa e desde logo todos is estar apoiando aos traballadores e traballadoras e facendo presión. Todas as administracións (Xunta de Galicia e Goberno do Estado) están traballando conxuntamente e, tal como dixo o vicepresidente da Xunta, o ERE presentado nestes termos é presuntamente un fraude de lei. Polo tanto o que temos que facer agora é tombar este ERE, que vén no peor momento posible, cando xa se deron todas as concesións a favor dunha venda ao grupo Liberty House e se non era así intermediando a través da SEPI”, manifestou.
O rexedor focego engadiu que “non podemos permitir de ningún modo que a planta de aluminio e as cubas paren e máis de 900 traballadores vaian ao paro, cando están no medio da vida laboral, en pleno funcionamento, producindo un aluminio de calidade e cando hai un grupo investidor que ademais de continuar coa produción de aluminio quere ampliar e investir na comarca”. Deste xeito, instou ás Administracións a “que fagan o que teñan que facer para que o traspaso se faga efectivo e que a fábrica non peche nin pare nin haxa un só despido”.
TOMÉ: “A ACTITUDE DE ALCOA É INTOLERABLE, ACABOU O TEMPO DE XOGAR”
O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, afirmou que a comunicación do ERE é unha nova “lamentable”, e afeou a “intolerable” actitude da empresa; “o tempo de xogar rematou. Xunta e Goberno central deben tomar as medidas xurídicas que permita a lei para impedir as pretesións de Alcoa e manter unha produción que significa manter viva a comarca da Mariña e necesaria en España para ter unha mínima competitividade no sector”.
FERREIRO: “A ÚNICA SAÍDA PASA POLA INTERVENCIÓN” ANTE OS “ESPECULADORES INDUSTRIAIS”
A vicepresidenta da Deputación, a nacionalista Maite Ferreiro, declarou que “é hora de que o Estado e a Xunta de Galicia deixen de perder o tempo e actúen”.
“O anuncio de Alcoa confirma que a única saída pasa pola intervención e nacionalización da empresa. Débese mandar unha mensaxe clara aos especuladores industriais. As dúas administracións deben actuar con contundencia na defensa do milleiro de postos de traballo en xogo e no futuro da comarca da Mariña”, esixiu.
Ferreiro lembrou que o pleno provincial aprobou o pasado martes, por unanimidade, unha moción para reclamar á Xunta de Galicia e ao Estado a intervención pública para a nacionalización da factoría de San Cibrao.