InicioEconomíaO comité de Alcoa avisa de que os despedimentos poden comezar "en...

O comité de Alcoa avisa de que os despedimentos poden comezar “en calquera momento”

Os sindicatos instan ao Goberno a aclarar que fará para manter a planta de aluminio e a "pasar aos feitos: a expropiación debera estar máis que estudada", afirman

Publicada o

- Advertisement -

EFE. O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, recoñece que os traballadores “están fartos de declaracións”, porque “o tempo acabouse” e a Administración “ten que pasar aos feitos”, tendo en conta de que a multinacional pode iniciar os despedimentos anunciados “en calquera momento”.

“A que está esperando o Goberno estatal, a que se executen os despedimentos”, dixo Zan, quen espera que no prazo de “dous días” o Executivo central informe de cales son as súas intencións para manter a produción de aluminio na planta de San Cibrao, porque “non se pode ter a unha comarca cinco meses nesta situación”.

Isto é, dixo o presidente do comité, “un auténtico vía crucis” e, namentres, o “Goberno segue dicindo que está estudando a expropiación, pois xa a debera ter estudada e ben estudada”, insistiu.

Ao seu xuízo, “ten que tomar unha decisión e executala xa”, porque “Alcoa pode iniciar os despedimentos en calquera momento”.

Aínda que recordou que o comité “non asinou a paralización das cubas“, tamén precisou que “pode empezar a executar os despedimentos do persoal que está afectado polo Expediente de Regulación de Emprego (ERE) e non ten nada que ver co funcionamento das cubas”.

Á ESPERA DA RESOLUCIÓN SOBRE A CAUTELAR

Por outra banda, o comité de empresa presentou no rexistro do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a solicitude para paralizar de forma cautelar o ERE presentado por Alcoa, que xa anunciou a súa intención de executar 524 despedimentos na planta de aluminio primario e de apagar de forma progresiva as cubas da planta, de forma que o proceso quede concluído no primeiro trimestre de 2021.

A representación dos traballadores pide a intervención da planta ou a administración xudicial da fábrica de aluminio primario por parte da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) ata que haxa unha resolución por parte dos tribunais.

Subsidiariamente, solicita que se lle ordene a Alcoa manter as cubas en funcionamento e, consecuentemente, “non executar os despedimentos individuais en tanto non exista unha sentenza firme”.

OS OBREIROS SEGUIRÁN MOBILIZÁNDOSE

Namentres, o comité continuará coas mobilizacións para esixir unha solución que permita manter a produción de aluminio primario na fábrica da Mariña Lucense, e a continuidade dos postos de traballo, polo que convocou unha “gran manifestación” para o vindeiro sábado -día 24 de outubro- en Lugo cidade.

A citada manifestación comezará ás 11.00 horas e terminará ao mediodía, cun percorrido polo centro das rúas da cidade que sairá desde o edificio administrativo da Xunta de Galicia e terminará fronte á Subdelegación do Goberno.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...