EFE. Un grupo de traballadores da quenda B de electrólise da planta de aluminio primario de Alcoa en San Cibrao quedouse literalmente en “pelotas” para lanzar unha mensaxe de optimismo aos seus compañeiros e deixar claro que, malia a difícil situación pola que atravesa a fábrica da Mariña Lucense, non están dispostos a “tirar a toalla”.
Once traballadores desa quenda publicaron unha fotografía nas redes sociais na que se lles ve espidos nun dos vestiarios da factoría, tapados só co seu casco de traballo e unha toalla azul ao pescozo, á vez que levantan o puño. A imaxe aparece acompañada da seguinte mensaxe: “Alcoa déixanos en pelotas, pero non tiramos a toalla”.
Son traballadores afectados directamente polo Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suscitou a multinacional para despedir a 524 empregados e apagar as cubas de electrólise da fábrica antes do primeiro trimestre de 2021, unha medida que suporía outros alomenos 400 despedimentos na industria auxiliar de San Cibrao.
A imaxe recordou -sen público neste caso- ao striptease integral dos obreiros da película británica ‘The Full Monty‘, filme que retrataba as consecuencias da reconversión industrial en Sheffield, outrora referente da metalurxia no Reino Unido.
DÍAS DECISIVOS
Con esta fotografía e esa mensaxe pretenden infundir ánimo aos seus compañeiros ante uns días que se presumen decisivos para o futuro da planta, dado que o próximo 28 de outubro celebrarase no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a vista para avaliar a solicitude de paralización cautelar do ERE presentada polos sindicatos.
Namentres, os traballadores seguen á espera de noticias por parte do Goberno de España, para ver se finalmente se produce a demandada intervención pública da planta.
Alcoa, que se decantou por un ERE para San Cibrao tras rexeitar ofertas da siderúrxica británica Liberty House e da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), xa se desfixo o ano pasado das plantas que tiña en Avilés e A Coruña, logo dun longo proceso que arrincou a finais de 2018. Neste contexto, os traballadores seguirán con mobilizacións a prol da intervención, o xoves en Burela e o sábado en Lugo.